188.599 persoas visitaron o Museo de Pontevedra o pasado ano

Pontevedra
04 de xaneiro 2024

O Museo de Pontevedra pecha o 2023 co mellor dato de visitantes dos últimos 13 anos

Visitantes no Museo de Pontevedra
Visitantes no Museo de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra pecha o 2023 co mellor dato de visitantes dos últimos 13 anos. En total foron 188.599 as persoas que visitaron durante o pasado ano os edificios museísticos da Deputación de Pontevedra. 

"É unha satisfacción enorme, o mellor dato anual desde 2010, o que amosa a boa saúde do Museo", subliñou o vicepresidente da institución provincial e deputado responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez.

O vicepresidente provincial felicitou aos "responsables do Museo de Pontevedra no 2023, tanto ao anterior director como á actual directora, así como a todos os traballadores da entidade que son os que fan posible que, día a día, medre o interese da xente e se acheguen cada vez máis persoas a coñecer todo o que alí temos". 

Tamén aproveitou a ocasión para convidar a "coñecer os tesouros que salvagarda" o Museo a todos os pontevedreses e persoas que visitan a cidade.

Os datos do 2023 manifestan un incremento do 8,4% no número de visitantes con respecto ao 2022 e sitúan ao pasado ano como o segundo mellor da historia do Museo en canto a afluencia, soamente superado polo 2010 cando percorreron as súas instalacións 226.646 persoas. En decembro de 2023 o Museo de Pontevedra recibiu un total de 5.165 persoas fronte ás 3.565 que o fixeron no mesmo mes do ano anterior.