172 obras presentáronse ao concurso literario Xaime Illa Couto

Poio
27 de abril 2022

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, salienta que algúns dos textos participantes foron enviados desde países como Suecia ou Alemaña e destaca tamén o alto nivel de participación do tecido educativo de Poio

A concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez
A concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez / Concello de Poio

A concelleira de Cultura do Concello de Poio, a nacionalista Raquel Rodríguez, explica que neste 2022 presentáronse 172 obras de poesía e relato curto ao concurso literario Xaime Illa Couto. 

"Para nós é un motivo de gran orgullo que tanta xente amosase o seu interese por tomar parte nesta iniciativa, máxime nunha edición que resulta moi especial, xa que, ademais de cumprirse 30 anos da súa primeira edición, tamén véñense de cumprir dez do falecemento de Xaime Illa Couto, que mantivo un vínculo moi estreito co noso municipio", afirma a titular da área de Cultura.

Outro aspecto que salienta Raquel Rodríguez é o carácter internacional que adquiriu o certame nesta edición de 2022, como o demostran as obras enviadas desde países como Suecia ou Alemaña. 

Este concurso ten como obxectivo "difundir e fomentar a nosa lingua a todos os niveis e especialmente entre as crianzas" e, neste sentido, Rodríguez tamén destaca a implicación do tecido educativo de Poio á hora de participar.

Unha vez pechado o prazo para a presentación de relatos e poemas, nos vindeiros días reunirase o xurado encargado de analizar as obras e que está formado por integrantes das asociacións que forman parte do Consello Municipal de Cultura (SCD Raxó, SCD Samieira, Ateneo Corredoira de Combarro, Asociación Boureante da Seara e Asociación Vides Novas de San Salvador). 

Como xa é tradición, a entrega de premios terá lugar o 17 de maio, ás 17.30 horas, dentro da programación que a Concellería de Cultura desenvolverá para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle adica a Florencio Delgado Gurriarán.

Tal e como xa viña sucedendo en edicións anteriores, establécense ata seis categorías diferentes, en función da idade. As catro primeiras, que abarcan dos 6 aos 15 anos, contarán con premios de 70 euros para os gañadores, mentres que na de 16 e 17 será de 90. O premio para o autor da peza mellor valorada polo xurado en maiores de 18 anos será de 300 euros. Ademais, tamén se fará entrega dun diploma e dun agasallo conmemorativo.