O Concello de Sanxenxo agarda que este sábado se coñezan todas as expresións e refráns en galego aportados pola cidadanía e colectivos culturais coa intención de que se publiquen nas redes sociais a través de vídeos dentro das actividades que a concellería de Cultura programou con motivo da celebración das Letras Galegas.
Desde este venres, o Equipo de Animación Sociocultural e a Biblioteca de Sanxenxo subirán á páxina de Facebook do Concello de Sanxenxoun vídeo cunha sesión de contos baixo o título 'As pitas baixo a choiva'.
O domingo 17, o Día das Letras Galegas, emitiranse vídeos das frases e expresións populares a través das redes municipais. Durante a tarde, a partir das 19.00 horas, ofrecerase por streaming no Facebook do Concello unha mesa redonda en que se abordará a importancia da figura de Ricardo Carvalho Calero, o autor ao que se homenaxea durante este 2020.
O acto está promovido polo grupo musical local Onte e Hoxe, que o emitirá pola súa canle de Youtube, e contará coa colaboración da Real Academia Galega. A xornalista Lucía Rodríguez encararase da presentación e contará coa intervención de Carlos Yus, profesor de galego na EOI de Pontevedra e membro de Migallas Teatro e Francisco Fernández Rei, integrante da Real Academia Galega. Tamén participará a estudante de Filoloxía Galega, Mariña Area, que recitará poemas de Carvalho Calero.