115 expositores dinamizarán o Recinto Feiral do Pazo na 15 edición do Culturgal

Pontevedra
18 de novembro 2022

Eva Alonso, directora do Culturgal, presentaba este venres a programación que vai desenvolverse entre o xoves 24 e o domingo 27 de novembro en Pontevedra. Durante eses días van presentarán propostas tanto para o sector profesional como para todo tipo de público con interese na música, literatura, cinema, arte, teatro, videoxogos e accións diversas para o ámbito familiar e infantil

Presentación de Culturgal 2022
Presentación de Culturgal 2022

Co lema '15 anos cos fíos da Cultura' iniciarase o xoves 24 a 15 edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra. Este venres, Eva Alonso, directora desta edición, presentaba a programación que se desenvolverá ata o domingo 27. 

Nesta ocasión haberá un lugar dirixido a profesionais do sector coa colaboración de gran parte das asociacións profesionais que operan na cultura de Galicia. Para acollelos establécese unha espazo físico propio no Recinto Feiral cun programa que se inicia o xoves cunha xornada restrinxida de Promoción Escénica e Musical de Galicia, organizada por Escena Galega e AGEM coa colaboración da Xunta de Galicia. Ao longo dos seguintes días están previstos encontros entre empresas e profesionais con diferentes actividades impulsadas pola Asociación Galega de Profesionais dá Xestión Cultural, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Consello da Cultura Galega, A Colectiva, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, Academia Galega do Audiovisual,  Asociación de Directores de Escena de España, Música no Claustro, e a Xunta de Galicia a través de Agadic. Realizaranse mesas redondas, obradoiros, sesións formativas, foros e presentación de informes durante toda a fin de semana.

Eva Alonso convidou a todas aquelas persoas interesadas a preinscribirse nas actividades a través da web de Culturgal. A directora avanzou tamén que este espazo profesional será o lugar de celebración do 15 aniversario deste evento ao longo do mediodía da xornada final.

Ademais da directora participaron na presentación Vitoria Alonso, directora de Cultura na Deputación de Pontevedra; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Políticas Culturais da Xunta e Carme Fouces, concelleira de Cultura en Pontevedra. Todos eles animaron á cidadanía para visitar os diferentes espazos desta edición que contará coa presenza de 115 expositores e proxectos culturais como o do Concello de Pontevedra cun "banco de voces en galego", que se destinará a aparellos electrónicos como Alexa ou Siri para que todo o mundo grave a súa voz co obxectivo de que, algún día, se poida escoitar por estes asistentes dixitais.

LIBROS

Durante a Feira estarán no recinto autores como Marilar Aleixandre ou Ismael Santos, recentemente galardoados con premios no ámbito estatal. Ademais, presentaranse novidades editoriais, realizaranse encontros e escritores como Bibiana Candia, Juan Tallón, Berta Dávila, Antía Otero, Pepe Cáccamo, María Solar ou Carlos Callón participarán na programación. 

Un dos momentos máis importantes desta cita desenvolverase durante o sábado 26 coa homenaxe a Helena Villar Janeiro polos seus 50 anos de poesía e compromiso.

ESPAZO ARTE

A Sala de Exposicións do Pazo da Cultura acollerá diferentes propostas desde funambulismo ata improvisacións teatrais pasando pola danza contemporánea da man da artista Paula Quintas, que ofrecerá dous pases na sesión do domingo, destinados a todos os públicos. Tamén se poderán ver diferentes iniciativas do CGAC e do Museo Centro Gaiás, presentadas pola Xunta de Galicia. Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra ofrecerá o programa de performances #ViolenciaZero. 

A exposición titulada 'Continuo', de Alberto Pena, poderase visitar durante todo o Culturgal cunha visión orixinal sobre a natureza.

PROGRAMACIÓN INFANTIL

As familias poden inscribirse na área de recepción da Feira para participar en talleres, que presentan prazas limitadas. Ao longo destes días, os máis pequenos tamén poderán entreterse con iniciativas que van desde vídeoxogos ata teatro, música ou lectura. Magín Blanco, Quero Cantar, Baobab Teatro ou Elefante Elegante ofrecerán actuacións durante estes días dentro das máis de trinta actividades previstas a partir da tarde do venres 25. 

CINEMA

Unha dos principais atractivos desta edición atópase na presentación da película 'O corpo aberto' de Ángeles Huerta. A directora e os actores Tamar Novas e Federico Pérez asistirán a esta presentación antes da súa chegada ás salas comerciais e tras destacar en certames como a Seminci.

Ademais poderanse ver traballos como 'Valentina, de Chelo Loureiro; 'Unicorn Wars', de Alberto Vázquez; 'A virxe roxa', de Marcos Nine ou 'O gran Camiño', de Alba Prol e Raúl García, entre outros títulos. O acceso a estas proxeccións está incluído na entrada xeral a Culturgal.

ESPECTÁCULOS ESPECIAIS

Durante as noites do venres 25 e do sábado 26 presentaranse un espectáculo dobre dentro de Culturgal danza a través da compañía Nova Galega de Danza, que presenta 'Credo' con poesía de Celso Emilio Ferreiro. Tamén Daniel Rodríguez ofrecerá 'A raiz de', un proxecto premiado en SóLODOS En Danza Ourense 2022.

Ao longo da noite do sábado 26 poderán verse catro actuacións cargadas de enerxía con Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore combinando electróncia, pop e música tradicional no espectáculo #CulturgalSon15.

O prezo para estes dous espectáculos é de 8 euros, unha entrada que inclúe a visita ao recinto.

PREZO DE ENTRADA A CULTURGAL

Culturgal contará con servizo de cafetería, área gastronómica e servizo de lingua de signos que se pode solicitar previamente a través do correo electrónico [email protected]

As entradas ao recinto terán un prezo para adultos de catro euros e de tres euros para escolares ata 16 anos. Os menores de 3 anos terán acceso libre. Tamén se ofrecen packs familiares en diferentes opcións que van desde os seis ata os quince euros. Tamén se ofrecen abonos en distintas posibilidades e con distintos prezos.

Arquivado en