O xurado do certame Novos Valores 2017 reuníase neste Día dos Museos para manter o primeiro encontro para seleccionar as obras que formarán parte da mostra desta iniciativa artística.
Para esta edición presentáronse 101 obras en diferentes categorías. 25 corresponden a pintura, 27 a esculturas, 20 a fotografía, 8 a vídeo creación, 7 a debuxo, 4 en gravado, 1 en deseño e 9 no apartado de varios. Os gañadores serán premiados cunha bolsa de estudos, unha fórmula recuperada en 2016 coa que se eliminaron os premios en metálico.
As bolsas ascenden a 7.500 euros cada unha. O deputado responsable de Cultura, Xosé Leal, entende que o premio ten como obxectivo que se converta nun trampolín que permita aos artistas ter proxección de futuro.
O xurado para esta edición está formado polo artista e profesor pontevedrés Manuel Moldes; pola artista e catedrática Yolanda Herranz; polo crítico de arte Miguel Fernández Cid; pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García; Carlos Vale, director do Museo e pola técnico provincial de Xestión Cultural, María del Carmen Baloira, ademais do xefe de servizo de Cultura, Antonio Santos, como secretario.
Este primeiro encontro serviu para que os integrantes do xurado visualizaran as obras para que salga unha primeira selección de pezas que participarán na mostra Novos Valores 2017. Os traballos seleccionados mostraranse ao público nunha das salas de exposicións temporais do Sexto Edificio entre o 3 de agosto e o 17 de setembro.
Entre o 10 de outubro e o 12 de novembro terá lugar a mostra formada por obras achegadas polos artistas premiados coas bolsas outorgadas no certame Novos Valores 2016: Diego Vites, que gañou na sección de pintura; María Maquieira en debuxo; Basilisa Fiestras en escultura e Olmo Cuñas en vídeo creación.