Este xoves 7 terá lugar en Malmö, Suecia, a segunda semifinal do Festival de Eurovisión que levará ao sábado coa gala final. O pasado martes foi a primeira semifinal. Escasas horas antes reuníanse os expertos eurofans. Paula Suárez, Luis Miguel Alonso, Daniel Seijo e Antón Prieto volveron demostrar neste faladoiro o seu incuestionable nivel sobre este Festival.
Nebulossa con 'Zorra' non cren que alcance os primeiros postos pero algo é unánime, a todos gústalles. O seu gran valor é a letra, pero ao estar en castelán, esa forza e trasgresión que quere transmitir pode pasar desapercibida nas votacións. Con todo, a posta en escena que levan está a facerlles gañar puntos nestes últimos días, lembran. As súas preferencias e as súas apostas non se equivocan (lembramos que en 2023 deron cos primeiros clasificados: Suecia e Finlandia). Para este 2024, que están máis abertos os resultados, tamén se mollan e nas súas quinielas están: Croacia, Suíza e Países Baixos para Luis Miguel; Paula aposta un resultado final con Croacia, Ucraína e Italia; para Antón, Croacia, Francia e Italia; e Dani considera que estarán a pelexar nos primeiros postos Croacia, Suíza e Francia.
Foto: Mónica Patxot