Como en tantos campos, as mulleres do punk non están recoñecidas na súa xusta medida. 'God Save The Queens' pretende acabar con iso e rende un merecido tributo a algunhas das máis significativas pioneiras daquela escena: Alice Bag, Begoña Astigárraga das Vulpes, Ana Da Silva das Raincoats, Ondina Pires de Great Lesbian Show, Tere González de Deshechables, Palmolive das Slits ou Silvia Escario de Último Resorte recordan os seus inicios no mundo da música, que significaba ser punk, e como se abriron oco nun panorama predominantemente masculino que non podería entenderse sen elas.
Escrito por tres expertas tamén moi punks: Cristina Garrigós, Nuria Triana e Paula Guerra, e editado por 66 rpm, este libro retrata un momento que cambiou a concepción musical a partir de finais dos setenta e influíu poderosamente a nivel social e vital, deixando unha pegada que aínda permanece.