O autor pontevedrés Fran Jaraba acaba de reeditar o seu cómic de ficción histórica 'División Azul'. Ademais, esta obra pode converterse en lectura dentro do ámbito educativo en Brasil. Sen dúbida sería todo un recoñecemento á súa dilatada e premiada traxectoria como historietista. Faceta que compaxina coa de profesor de Secundaria e Bacharelato.
Esta reedición abre unha nova colección na Editorial Cascaborra, fóra da colección Historia de España en viñetas. Un xénero do que este país non é prolífico, aínda que si foi nos últimos anos incrementando o interese do público. Falamos dunha ficción histórica e non será a última, porque Fran Jaraba, traballa nun novo proxecto de corte histórico que o ten inmerso na fase de investigación.