O Auditorio Municipal de Ribadumia acolle este venres 1 de novembro unha proxección cinematográfica do ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra.

Busca achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.

Nesta sesión, ás 21.00 horas, exhibirase o filme Matria, dirixido por Álvaro Gago e protagonizado por María Vázquez, Soraya Luaces, Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán", Susana Sampedro e, entre outros, Santi Prego.

Matria é unha película dedicada a todas aquelas "mulleres que sosteñen o país na sombra".

Recolle o espertar dunha traballadora galega, Ramona, que loita polo seu porvir, por crecer persoalmente e por romper con todas as barreiras que a asfixian. Unha muller que sacrifica todo polo futuro da súa filla Estrella e que se verá empurrada a mirar cara dentro e pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir.

Máis eventos

Ver máis eventos