O Edificio Multiusos de Moraña acolle este venres 29 de novembro ás 19:30 horas a proxección cinematográfica da longametraxe Fatum, dirixida por Juan Galiñanes e protagonizada por Luis Tosar, Álex García e Elena Anaya, entre outros.

A actividade forma parte do ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.

Fatum narra a historia de Serxio, un home con problemas co xogo que, tras xurar que non volverá caer, recibe un aviso sobre un suposto amaño dun partido de fútbol. Incapaz de cumprir a súa promesa, regresa á casa de apostas coa intención de recuperar o diñeiro perdido.

Cando se fai con el, Alexo irrompe armado no local e Pablo, francotirador do GEO, recibe presións da comisaria Costa para prestar servizo no atraco.

Pero a súa cabeza está no hospital, onde a vida do seu fillo pende dun fío. Un disparo mudará as súas vidas para sempre.

Máis eventos

Ver máis eventos