O Ateneo de Pontevedra organiza a conferencia 'Castelao nos anos da Guerra Civil, viaxe á Unión Soviética, prosovietismo e filocomunismo', impartida por Xesús Alonso Montero.

O autor estará acompañado polo arquitecto e profesor Juan José Guirado.

Sabíase que Castelao, formando parte dunha delegación española moi plural, estivera, en maio de 1938, en distintas cidades de tres repúblicas da URSS (Leningrado, Moscova; Kiev; Bakú). Nesta conferencia falarase dos textos de Castelao sobre a Revolución e a
realidade soviéticas, enmarcados no período da Guerra Civil no que Castelao se esquerdiza; no que intima con destacados comunistas (Líster, Santiago Álvarez...); no que bate (e faina súa) coa definición de nación formulada por Stalin; no que gusta de escribir para os combatentes marxistas, e no que recibe (entusiasmado) as gabanzas da crítica soviética sobre a súa condición de "debuxante revolucionario".

Xesús Alonso Montero é licenciado en Filoloxía Románica, docente e investigador.

A vizosa produción científica e divulgativa de Xesús Alonso Montero abrangue os eidos dos estudos literarios sobre autores galegos e alófonos, a sociolingüística, a creación literaria ou a colaboración na prensa.

Merecedor de numerosos premios e recoñecementos ao longo da súa dilatada e polifacética carreira intelectual, Xesús Alonso Montero é membro de número da Real Academia Galega dende 1993 e foi o seu presidente entre 2013 e 2017.

Espazo Nemonon, Pontevedra

Máis eventos

Ver máis eventos