Neste mes de marzo, o Cineclube Pontevedra dedicará as sesións dos luns, programadas en colaboración coa Filmoteca de Galicia, aos inicios da cineasta francesa Agnès Varda, precursora da nouvelle vague.

3 CURTAMETRAXES DE AGNÈS VARDA (65 min., VOSE) Lingua orixinal: francés

DU CÔTE DE LA COTE (1958). Diario persoal e filme de viaxes feito para a Oficina de Turismo francesa. Unha estrutura libre permítelle a Varda abordar as cuestións e as paisaxes máis variadas, creando produtivas analoxías a través dun percorrido pola Costa Azul francesa.

ONCLE YANCO (1967). En 1967 Varda está en San Francisco, homenaxeada polo certame cinematográfico da cidade xunto ao seu compañeiro Jacques Demy. De xeito inesperado decide realizar unha curtametraxe sobre un home que quince días atrás aínda non coñecía, Jean Varda, un pintor naif moi coñecido especialmente na comunidade hippy, que resulta ser o seu tío. Rodada en tres días, Varda capta á perfección moitos compoñentes do momento histórico (psicodelia, contracultura, activismo político) ao tempo que establece un eficaz retrato persoal.

ULYSSE (1983). En expresión da súa directora, o filme interroga unha imaxe: unha fotografía tomada en maio de 1954. Á beira do mar: unha cabra morta, un cativo (Ulysse) e un home nu. Vinte e oito anos despois, a memoria arma un relato cheo de lembranzas, divagacións e datos posibles sobre aquel momento. 

Teatro Principal de Pontevedra

Máis eventos

Ver máis eventos