O Centro Cultural de Cerdedo acolle este domingo 27 de novembro unha proxección cinematográfica do ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra.

É unha iniciativa que busca achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.

Nesta sesión, ás 18:30 horas, exhibirase o documental Emoción, vida e teatro. A nave das Marías, da ONG Ecos do Sur.

O documental fala da importancia do teatro como ferramenta de intervención social. Céntrase na peza teatral A nave das Marías, creada dentro dun programa da ONG para facilitar espazos de participación e visibilización para mulleres migrantes impulsando procesos de sensibilización social en cuestión de xénero.

Desta maneira, na longametraxe as persoas implicadas no proceso de creación desta peza contan en primeira persoa como as clases de teatro e o proceso creativo influíron nese momento das súas vidas.

Máis eventos

Ver máis eventos