A Asociación Sociocultural Cedofeita de Lérez -coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo- presenta o último número da súa revista, Cedofeita.

No acto, que estará coordinado por María del Carmen Pereira, participarán Fernando M. Vilanova, pintor, historiador e crítico de arte; Pilar Sampedro, mestra e licenciada en Ciencias da Educación; e Carlos Gegúndez, doutor en Humanidades, docente e investigador, que colaboran na revista con artigos relacionados coa pintura da paisaxe e o noso río, coa memoria histórica nos libros de lectura infantil e xuvenil e co imaxinario de Prudencio Canitrot, respectivamente.

Na presente edición da revista, que fai o número 27, podemos atopar outras propostas como a historia de Talleres San Benito, unha análise dos milagres na obra do Padre Feijoo, un achegamento aos cemiterios de Lérez, así como artigos relacionados coa historia pontevedresa, co conflito palestino, coa xente nova na emigración, coas desaparecidas quintas e coa homosexualidade.

Ademais, a revista segue a ofrecer as seccións habituais: actividades realizadas no pasado curso, novos cultivos, humor, de conversa e a exposición que este ano exhibiu imaxes da mili e do servizo social feminino xa desaparecidos.

A revista estará dispoñible para as persoas que asistan ao acto.

Máis eventos

Ver máis eventos