Provoquemos un tsunami

14 de septiembre 2014

A estas alturas do ciclo político que estamos a vivir, xa soamente os membros do que poderiamos chamar esquerda «conservadora», ben porque queren reter privilexios ou ben porque o seu universo ideolóxico esta moi comprimido, negan que asistamos ao nacemento dun novo marco no que as vellas receitas xa non serven.

Habitamos, sen dúbida, novos tempos políticos que esixen unha maior participación cidadá, un novo xeito de entender a política radicada nas demandas reais da xente, no ben común.

O movemento do 15M, a crise da política clásica, a irrupción de AGE, as Marchas da Dignidade ou o xurdimento de Podemos son capítulos dese mesmo marco de cambio ligado ao esgotamento dun modelo político que concibe a democracia como instrumento dunhas relacións de poder ilexítimas, e que agora abre unha nova etapa na que democracia empeza a ser entendida como unha expresión complexa de carácter cívico e cultural.

Por todas partes fálase da necesaria «nova política» e da necesidade de soterrar a vella. Pero alén de declaracións de intencións ou novos léxicos, cómpre comezar a definir con claridade que entendemos cando falamos de «nova política» se queremos saber por onde debe transitar a «nova esquerda».

Sen lugar a dúbidas, a radicalidade democrática está no frontispicio da nova política. ÿ dicir, un programa de ampliación do modelo democrático tanto no plano da acción representativa coma no da participación cívica. ÿ necesario que se dea un novo equilibrio entre a participación cidadá e a súa capacidade de intervención nas estruturas partidarias e institucionais.

Movementos como DRX ou 15M teñen posto enriba da mesa os límites da democracia representativa, máis aínda nun modelo coma o noso, froito dunha transición tutelada polas elites do réxime anterior, un excesivo peso dos partidos e unha escasa cultura democrática.

A democracia representativa parte do principio da agregación, pero obvia a participación directa da cidadanía.
Experiencias de democracia participativa vanse facendo un oco necesario, pero tanto a democracia representativa coma a democracia participativa parten da mesma lóxica de decisión por maiorías que exclúe as minorías.

Alén da democracia participativa, as novas propostas de democracia deliberativa, ou de democracia inclusiva, pretenden abordar os novos retos sociais e configurar un neorrepublicanismo.

A democracia inclusiva pretende, ademais, sobordar os propios límites da democracia. A democracia inclusiva sitúase na democracia política directa, na democracia económica, na democracia social e na democracia ambiental.

Listas abertas, primarias, limitación de mandatos, revogacións por incumprimento programático, referendos directos decisorios⿦ son algunhas das cuestións claves. Pero ademais da radicalización da democracia existen outros aspectos que definen a nova política:

-    A redacción de novas axendas que compaxinen a defensa dos bens comúns e a abordaxe dos novos retos do planeta e dos seres humanos e non humanos para o século XXI:  ecoloxismo, feminismo, xustiza global, pacifismo, dereitos humanos.
-    A xustiza global como elemento necesario para comprender que xa non vai ser posible reconstruír estados de benestar exclusivos en áreas concretas do planeta se ao mesmo tempo non se constrúe un estado social global.
-    A sustentabilidade como núcleo da alternativa económica que pretenda actuar tendo en conta os límites físicos do crecemento. ÿ unha evidencia científica que progreso baseado sobre burbullas financeiras ligadas a modelos de acumulación capitalista, conduce ao desastre social e planetario.  
-    Recoñecemento dos suxeitos colectivos nacionais como chave da soberanía cívica e de construción de hexemonías. O dereito a decidir das nacións é a pedra angular que permite instituír alianzas estables ao basearse no respecto e na cooperación.
-    A interpretación da política como unha intervención colectiva global e non só electoral. Non se pode seguir pensando que as convocatorias electorais a representantes son único plano da contenda política. A «nova política» debe ter como elemento central a participación cidadá que institúa un cambio de modelo na súa globalidade, pois a nova forma de facer política se concreta en novos modelos de intervención cívica.

Nestes días están a xurdir diferentes iniciativas, chamamentos, manifestos⿦ na liña de como abordar ese novo tempo.
Algunhas experiencias unitarias como ACE en Cangas; experimentación política a partir da necesidade de abrir un camiño, como Ames Novo, ou manifestos de cambio como Marea Atlántica na Coruña, son os máis significativos e marcan os pasos a dar.

Na nosa cidade a Marea Pontevedra, comezou con bo pé, agrupando arredor dela case un centenar de persoas, a maioría incorporadas á política ao calor dos novísimos movementos sociais da dignidade, xunto con outras con longo percorrido na procura de novos paradigmas, e tamén activistas cun recoñecido traballo na defensa dos intereses cidadás.

Sen lugar a dúbidas, as municipais da primavera de 2015 teñen unha importancia central e é lóxico que xurdan multitude de iniciativas.
De feito son as eleccións que poden servir para pechar o marco aberto simbolicamente polo movemento 15M durante as pasadas eleccións municipais. Trátase, nese senso, dunhas eleccións nas que o importante non serán as actas de concelleiros/as que se obteñan, senón a perspectiva de cambio que se lle dea as mesmas.

Pero confundiriámonos se pensaramos que a mera vontade aglutinadora abonda para poñer en marcha un proceso de cambio radical desde os concellos. Sen dubida vai ser importante estar atentos a como se desenvolve o proceso. Polo de pronto a asemblea fundacional de Marea Pontevedra marcou claramente unha folla de ruta participativa e inclusiva.

Necesitamos procesos cidadás e inclusivos, onde os partidos que decidan somerxerse no medio das augas da Marea o fagan ⿿desarmándose⿿ e cedendo a súa soberanía as cidadás. Un dos grandes acertos do 15M foi non fiarse dos vellos partidos nin das súas estruturas e poñerse a construír unhas novas desligadas daquelas.

A cidadanía concedeu hai dous anos un aval provisional a AGE nas eleccións galegas. Nas últimas eleccións europeas ese mesmo electorado dividiuse, case pola metade, entre aquelas persoas que volveron a investir de novo en AGE para lle dar unha nova oportunidade e outra parte que preferiu apostar por algo novo e arriscar.

Para construír a alternativa en Galicia van ter que entenderse cando menos os mundos de AGE e de Podemos, os mundos da vella política na procura dun novo paradigma e os da nova política sen raíces rexas que lle permitan asegurarse unha permanencia no tempo. AGE e Podemos van ter que convivir, pero recoñecendo a primeira que, por estilo e xeración, é a estes últimos aos que lle corresponde liderar o proceso.

Trátase de construír procesos abertos e cidadáns con tres únicas liñas vermellas:
-    Programa de cambio radical que supere os actuais atrancos do réxime.
-    Metodoloxía democrática baseada na participación cidadá directa.
-    Alternativas maioritarias de cambio e non de mero acompañamento.

Entendendo que todo isto pasa tamén por clarificar a linguaxe e as praxes.  Non se trata de se a converxencia se produce nos marcos da esquerda ou dos do nacionalismo, pois sendo a esquerda o programa e o nacionalismo o factor político determinante, a chave neste momento esta no factor democrático. Non se trata se máis ou menos esquerda ou nacionalismo, trátase doutra esquerda e doutro nacionalismo. Non abonda coa mera unidade como elemento agregativo de siglas, senón que cómpre a cooperación política entre espazos culturais e cidadáns.

Se non entendemos estes parámetros, estaremos, unha vez máis, entendendo todo ao revés e reeditando a centenaria confusión melancólica da esquerda, inútil e inerme ante os problemas reais da cidadanía. Que o bo entendemento nos dea intelixencia, xenerosidade e ilusión para poder construír a unidade democrática.