Este luns foi 23 de abril. Día do san Xurxo matadragóns, patrón de Inglaterra, de Mogor, de San Xurxo de Sacos e de Cataluña, entre outros lugares. En 1923 os libreiros de Barcelona, con gran visión comercial (xa falei en novembro do día das librarías), fomentaron que se regalase un libro nesa xornada conmemorando o falecemento de Miguel de Cervantes. En 1995 a UNESCO declarou tal data o Día do Libro.
Souben pola prensa que Alfred lle regalara a Amaia polo Sant Jordi o libro España de mierda de Albert Pla. Pareceume unha boa escolla. Non seguín Operación Triunfo, pero Amaia cantoume ben cando souben que cantara "Starman" de David Bowie e cando souben que lle facía ilusión aparecer na Wikipedia. Recomendo a lectura do artigo "Amaia, Víctor Jara, arte, política, cartos" de Cibrán Tenreiro no blog Bolsa de patacas.
De Albert Pla souben en 1997, cando editou o disco Veintegenarios en Alburquerque. Por entón recibía o boletín da tenda de discos Tipo, con presenza nas galerías da rúa da Oliva. Ao parecer Albert Pla tivera problemas coa discográfica, BMG Ariola, por mor da canción "La dejo o no la dejo", pois a empresa consideraba que podía ser acusada de apoloxía do terrorismo. Merquei o disco, se ben me gustan máis dous álbums seus anteriores: No sólo de rumba vive el hombre (1992) e Supone Fonollosa (1995).
Vino por vez primeira en directo na sala Camawey, na rúa da Cruz Vermella, e despois vino no Pazo da Cultura xunto con Judit Farrés cando presentaba Cançons d’amor i droga, o disco del que máis me gusta. Anos máis tarde volvín velo en Bueu, cos marabillosos Diego Cortés á guitarra e Tino di Geraldo á batería. Se ben xa falei noutra ocasión da poesía de Barcelona, algo que tamén lle agradezo a Albert Pla foi que grazas a el coñecín a José María Fonollosa e Pep Sales, dous poetas que adoro.
España de mierda é unha novela bufa. Unha diversión máis, dentro da provocación que vén desenvolvendo Albert Pla ao longo de toda a súa carreira artística. Ao parecer o título ofendeu a numerosas persoas que non leron o libro, e pensaron de forma equívoca que era un alegato nacionalista. Deberían ler os artigos que Pla escribe decote no periódico Público. Moi interesantes.
A novela é unha viaxe polo territorio español da man de Raúl Gadea, un cantautor uruguaio que fai unha xira polo país. A trama comeza en Santiago de Compostela, onde Julián Hernández, o cantante de Siniestro Total, recibe a Raúl xunto con Tito, o seu representante madrileño, que pensa que Lavapiés é o centro do mundo. Desde aí comezan un tour por diversas cidades e diversas culturas, cos conseguintes estereotipos. Pero tamén casos de corrupción, trabas administrativas, manifestacións de xente xubilada e miles de rotondas con esculturas millonarias.
Hai numerosas referencias culturais da música contemporánea: Javier Krahe, Quimi Portet, Fermin Muguruza, Andrés Calamaro, Nacho Vegas, Mikel Laboa ou Kiko Veneno. Tamén aparecen o humorista Eugenio e o mago Tamariz (todo homes!). Quizais por iso é unha novela agradable para ler para a xente da miña xeración, pero non só.
O libro non é unha boa novela; que ninguén espere unha xenialidade literaria. É simplemente unha provocación divertida, o cal non é pouco, con críticas ácidas e de máxima actualidade. A obra, publicada en novembro de 2015, reparte estopa tanto a Podemos como a Ciudadanos; carga tanto contra programadores culturais de concellos como contra ministros.
Boas lecturas!