Cegoñas no fondo da ría: Augas mil

20 de abril 2014
Actualizada: 18 de junio 2024

Foi e segue a ser noticia triste a desaparición dun avión con toda a súa pasaxe no ceo do océano Índico, un enigma, sen dúbida o maior da historia da aeronáutica, que está dando lugar a toda clase de especulacións, desde unha confusa acción terrorista ata a intervención extraterrestre pasando pola actividade paranormal dos vórtices magnéticos coma o que se atribúe ao triángulo das Bermudas ou aquel que inspirou unha famosa serie de TV. Non dubidamos de que nalgún momento se atopará unha explicación, aínda que, se callar, o relato que se nos conte desde as instancias que dirixen o mundo non sexa o verdadeiro, como ocorre bastantes máis veces das que pensamos.

Esta noticia tráenos á mente a lembranza do chamado "sumicio de Fontibrás", un de tantos episodios escuros da historia antiga de Pontevedra que a tradición, a falta doutras luces, atribuíu ao capricho das forzas sobrenaturais, mais que hoxe xa conta con resposta certa. Para os que non o coñecen, foi un suceso que se deu no contexto de certa catástrofe natural así mesmo inexplicábel, aínda que, neste caso, coincidente con relatos que se repiten case por igual noutras latitudes do planeta. Estámonos a referir ao Diluvio Universal de Pontevedra. Precisamente un segundo motivo para traer o sumicio de Fontibrás a estas páxinas é a recente estrea dun filme que recrea esa traxedia ancestral tan presente na memoria común da humanidade. Tamén servirá para recordar as enormes augadas caídas este inverno, que a tímida primavera que nos envolve non nos quitou aínda de enriba.

Foi Fontibrás un personaxe da prehistoria da nosa comarca, de cando esta era unha rexión apenas poboada e seguramente sen nome. Unha época imposíbel de datar, mais que sabemos anterior a canto poidamos coñecer, anterior a Exipto e Mesopotamia, anterior ao comercio, á arquitectura, ao ferro e á poesía. Daquela, os humanos convivían con seres que hoxe catalogamos como mitolóxicos, deuses, heroes solares, anxos, demos e mesmo híbridos de fasquía varia. Tampouco a morfoloxía do territorio era a que é. A Paleoxeoloxía describe unha rexa barreira montañosa que pechaba a costa atlántica de norte a sur, barreira que despois se afastou dando orixe ás rías e deixando algúns restos nas prominencias de Ons, Cíes e Arousa. Polo tanto, debemos imaxinar a provincia como unha enorme chaira interior que se estendía cara ao leste e baixaba ata o actual río Miño. Asemade, no mundo natural, ademais da xente estraña que dixemos, existían razas de animais e plantas que logo desapareceron e das que na súa maioría nin se sabe.

Os datos que quedaron, non todos de fiar, describen a Fontibrás como un varón de gran estatura e longa barba que residía co seu clan, formado por dúas esposas, criadas, criados, once fillos e fillas, algúns froito da promiscuidade coas criadas, mais as respectivas familias destes, nalgunha parte do val que hoxe coñecemos como Verducido. Fontibrás criaba ovellas, gansos e cabalos e sabía plantar cereais para fabricar pan e vides para obter un viño xeneroso. Forxárase como agricultor paciente e contemplativo, ao contrario dos seus contemporáneos, que primaban a caza sanguenta por riba de calquera outra ocupación. Eran anos difíciles, pois as prepotentes divindades andaban en continua liorta por sumaren maiores cotas de poder, contaminando coa súa actitude o natural pacífico dos humanos, entorpecendo a convivencia, imposibilitando, en definitiva, un desenvolvemento sustentábel da civilización. Os homes acabaron por reproducir o seu exemplo, o que orixinou unha era de loitas ominosas e dexeneración dos costumes. Non así Fontibrás, que no seu recanto nemoroso mantiña incólume o sentido da orde e a mesura.

Cóntase que, achándose un día o ancián queimando o bagazo que quedara tras prensar as uvas na rústica lagareta, foi sorprendido pola aparición dun ser resplandecente que o chamaba polo seu nome. Afeito ás exhibicións das criaturas celestes, á primeira non lle prestou atención e continuou coa queima controlada. Mais todo cambiou cando o aparecido lle explicou un método para reciclar aquel restrollo e obter del unha bebida verdadeiramente divina. A invención da augardente foi para Fontibrás unha demostración de poder superior a canto coñecía. Gañada a súa confianza, o ser anuncioulle que nun breve prazo a terra toda ía ser anegada por augas caídas do ceo en forma dun diluvio que exterminaría todo signo de vida. Ante as lóxicas dúbidas do ancián, explicoulle que se trataba dun castigo exemplarizante polos excesos aos que chegaran os habitantes daquela terra. Mais que, sendo el un home piadoso coma ningún, fora escollido para salvarse. E cominouno a construír unha nave cuberta estanca que debería flotar na auga e resistir os embates do trebón. A embarcación serviría para que se salvasen, ademais da súa familia, unha serie de animais e plantas que lle foi describindo con detalle. Por último, avisouno de que debería permanecer amarrada con fortes cordas nun punto equidistante entre os tres cumios que dominaban na contorna.

Fíxolle caso Fontibrás, por máis que os veciños coidaron que toleara e se chancearon del, e con primitivas ferramentas e unha sabedoría innata para a carpintaría de ribeira construíu unha barcaza que, amarrada no punto que se lle indicou, ficou á espera da chuvia xusticeira. Esta acabou por chegar, para abraio de propios e estraños, e foi tan vasta e inclemente e trouxo tal cantidade de líquido que anegou todo Verducido e chairas do arredor e logo continuou estendéndose por toda a franxa costeira ata Ourense e Portugal. Non foi un diluvio planetario coma o das diversas lendas espalladas polos catro continentes, mais si suficiente para causar unha gran mortaldade ao longo de semanas interminábeis.

Os poucos homes e mulleres que permanecían vivos fóra da barca, os que se salvaran momentaneamente subindo aos cumios dos montes, lamentaban terse burlado de Fontibrás e talvez oraban pedindo perdón por pecados que non recordaban ter cometido. E nisto que, de socate, un lóstrego acendeu a chuvia e a barca desapareceu. Sumiuse sobre a superficie líquida sen deixar o menor rastro. Esa foi a orixe dunha lenda que perdurou ata hoxe.

Nalgún momento, a chuvia cesou. As augas retiráronse e asomou no ceo un paternal Sol disposto a devolver a calma á Terra. Os poucos que sobreviviron á catástrofe foron paseniñamente recuperando campos de labor e importando doutras latitudes animais e sementes, de xeito que, ao final, o asunto do Diluvio Universal de Pontevedra non resultou tan grave e a vida continuou ata hoxe.

Finalmente, o misterio da barca esvaecida co seu cargamento do humanos, animais e plantas atopou unha explicación plausíbel en 1992, cando un equipo de investigadores proclamou que comezaba a era das viaxes no tempo, pois os avances científicos posibilitaban que nun prazo breve o home puidese trasladarse ao pasado e talvez intervir nel. A modo de paréntese, non deberiamos pasar por alto os múltiples paradoxos que isto traerá consigo, empezando pola posibilidade de que persoas chegadas do futuro estean convivindo connosco arestora. Entre os varios exemplos que usaron para probar a súa tese, os investigadores aseguraron que o célebre sumicio da barca de Fontibrás de Pontevedra foi un caso de teletransportación. Disque nalgún ano futuro, que sitúan entre 2100 e 2120, os científicos, coñecedores da inundación que milenios antes causou a extinción de animais e plantas das nosas costas, artellarán un proxecto de recuperación de mostras biolóxicas. Daquela, enviarán unha persoa ao pasado simulando ser unha deidade para que inflúa nos seres intelixentes a fin de programar unha teletransportación: abondará con que sitúen determinado obxecto en determinado punto. Velaí como o máxico sumicio de Fontibrás foi, en realidade, unha mera abdución.

Se temos fe na ciencia, debemos colixir que, para alén do episodio doloroso dun diluvio devastador, lle estamos deixando ao porvir e aos descendentes que vivan nos comezos de 2100 a sorpresa da reaparición dunha nave arcaica e a recuperación de seres prehistóricos que loitarán por integrarse nun mundo sen dúbida moi diferente do seu e do noso. Por descontado, non queremos con isto dicir que o avión desaparecido no Índico tivese o mesmo destino, que non pareza que banalizamos un feito tan dramático.

O episodio do Diluvio Universal de Pontevedra aínda tivo outros efectos colaterais. Un dos máis notábeis foi a aparición, unha vez retiradas as augas, dun novo tipo de aristocracia en familias que se dicían herdeiras do venerando Fontibrás; unhas xentes que se autoproclamaron donas de todas as terras anegadas polas augas do ceo e que, esquecidas do carácter pío daquel,  exerceron un dominio caciquil ao longo dos séculos. Simultaneamente, como reacción popular contra esta tiranía, foise forxando unha oposición democrática no reparto das augas diluviais, o que deu orixe ao reputado lema de que Pontevedra "dá de beber a quen pasa".

Como remate, debemos desenganar os que coidan que a presa de Pontillón do Castro, que preside hoxe o fermoso val de Verducido, sexa un resto daquela inundación; aínda que é certo que a súa imaxe adoito nos trae á mente as varias lendas de cidades mergulladas que campan pola nosa terra galega. Lendas que tan ben coñecía un grande das letras e dos mundos que faleceu estes días e a quen, timidamente, dedicamos esta atopocronía.

002

"Valsoño despois da chuvia". Orixinal de Catamarca.