Tres puntos a domicilio para o Pontevedra cos que facer borrón e conta nova
Por Diego Espiño
Ás veces un partido pode supoñer moito máis que tres puntos en xogo. Pode marcar un punto de inflexión. É o que espera o Pontevedra Club de Fútbol da súa sólida vitoria fronte ao Langreo (0-2) no Nuevo Ganzábal.
É o primeiro triunfo a domicilio da tempada para os granates, na súa terceira saída, pero con el pon fin a unha serie de xeiras negativas que eran pedras na súa mochila.
Máis aló de saír vitoriosos do seu primeiro enfrontamento do curso sobre céspede artificial, o de Langreo é o primeiro triunfo como visitante en máis de seis meses para os de Yago Iglesias. Encadeaban, entre a tempada pasada e o inicio da nova, oito saídas sen vencer lonxe de Pasarón.
Á novena foi a vencida, e ademais o Pontevedra conseguiuno deixando a súa portería a cero, algo que non sucedía a domicilio precisamente desde o encontro en Langreo do anterior curso, a finais do mes de xaneiro. Levaban o granate dez desprazamentos encaixando polo menos un gol.
Dous aspectos para afrontar con maior confianza os seus próximos compromisos co obxectivo de consolidarse na zona alta da táboa e axexar o líder Numancia.
No calendario do Pontevedra aparece agora un partido no seu fortín de Pasarón contra o Marino de Luanco o vindeiro domingo 6 de outubro (17.00 horas) que terá continuidade o resto do mes cun encontro fóra fronte ao Escobedo, outro na casa contra o Rayo Cantabria e finalmente outra viaxe ao campo do Guijuelo.
Relacionadas:
-
O Marino de Luanco, un "rival para ter en conta" que "nolo poñerá difícil tanto a nivel individual como colectivo"
Por Almu Dapena |
-
Dalisson: "O mellor que levamos de Langreo é deixar a portería a cero"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra mira de esguello á Copa do Rei: Así será o sorteo de primeira rolda
Por Diego Espiño |
-
Yago Iglesias, tras a vitoria en Langreo: "Hoxe non sufrimos practicamente nada"
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra imponse ao Langreo e volve sorrir lonxe de Pasarón (0-2)
Por Almu Dapena |