60 comerciantes venderán os seus excedentes en Stock Pontevedra para "salvar un año catastrófico"
Por Natalia Puga
Os cazadores de gangas e aqueles que queiran adquirir todo tipo de produtos de consumo de primeiras marcas a prezos de saldo teñen unha cita o próximo fin de semana na feira 'Stock Pontevedra'. O evento é unha oportunidade para os consumidores, pero tamén para os comerciantes, que poñerán a vender os seus excedentes da tempada para intentar "salvar un año catastrófico" en canto ás vendas.
A concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Carlota Román, explicou que se trata dunha feira pioneira a nivel galego neste ámbito (nos últimos anos proliferaron noutras cidades, pero a capital foi a primeira) e na súa primeira edición "comenzó como un complemento para completar la campaña anual" das empresas. Este 2014, está marcada polos "tiempos complicados para toda la economía y sobre todo para el comercio" e organizala é "una necesidad para salvar un año catastrófico que no salvaron ni las rebajas".
A Feira de oportunidades chega este ano á súa duodécima edición cunhas cifras de anos anteriores que a consolidaron como "la más visitada de cuantas se organizan en la ciudad". En 2013 rexistrou 20.000 visitantes e o resto das feiras organizadas dende a concellaría de Promoción Económica (12 en total) reuniron a 30.000 persoas entre todas. Para este ano aspírase a consolidar as cifras.
O presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra, Miguel Lago, explicou que o evento se organiza "de forma tripartita" entre esta entidade, a concellaría de Promoción Económica e a Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa de Pontevedra (Aempe) e nesta edición logrouse a "ocupación total del recinto", con máis de 60 empresas que reservaron posto.
Os 60 comerciantes ocuparán todo o espazo de 5.000 metros cadrados do recinto cunha oferta de produtos de consumo de primeiras marcas. A maioría das empresas venderán moda téxtil para home, muller, infantil e íntima, pero tamén haberá peletaría, calzado, complementos, decoración, antigüidades, óptica e deporte.
Miguel Lago indicou que a intención dos comerciantes é "aligerar su stock" e ofrecerán produtos de primeiras marcas a prezos atractivos, pero non soubo concretar a porcentaxe de descontos que se aplicarán. Si recordou que en anos anteriores chegaron a venderse pantalóns a un euro.
A feira celebrarase no Recinto Feiral entre o venres 31 de xaneiro e o domingo 2 de febreiro en horario continuado de 11.00 a 21.00 horas. A entrada custará 1,50 euros e axudará a sufragar parte dos gastos da organización. Dentro do recinto haberá un servizo de gardaría gratuíto e un servizo de cafetaría.
Relacionadas:
-
Os 'stocks' volven do 6 ao 8 de febreiro
Por Redacción |
-
Stock Pontevedra empeza con bo pé e prevé, como mínimo, igualar as vendas de anos anteriores
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Stock Pontevedra, máis barato que na Teletenda
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Coto pechado para os cazadores de gangas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
"Stock Pontevedra" ou como baleirar os almacéns comerciais
Por Oskar Viéitez |