A xunta de persoal dos Hospitais de Pontevedra convoca protestas contra o traslado de doentes a Santiago
Por Anxo Lourido
O traslado de pacientes dalgunhas especialidades da área de Pontevedra a Santiago foi o detonante para que a xunta de persoal dos Hospitais de Pontevedra retome os actos de protesta contra as últimas decisións adoptadas pola Consellería de Sanidade. Varios representantes da xunta de persoal, coa presidenta Carmen Revenga á cabeza, ofrecían unha rolda de prensa na que lamentaban tanto o traslado de pacientes coma a "privatización" do servizo de esterilización e o modelo de xestión clínica que está a afrontar o SERGAS.
Ante esta situación, a xunta de persoal decidiu convovar concentracións, tanto de persoal coma doutros cidadáns, ante todos os centros sanitarios da área a partir do 28 de xaneiro todos os martes e os xoves a partir das 12.00 horas durante 30 minutos.
Segundo expuxo Carmen Revenga, a xustificación dada pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, de que esta decisión se adopta para rebaixar as listas de espera carece de base porque, en especialidades como cirurxía cardíaca, se produciu un descenso de doentes. Neste sentido, outra das representantes da xunta de persoal, Carmela Bas, sinalou que esta decisión é un "sinsentido" e apuntou que con este tipo de medidas Pontevedra vai reducir o seu presuposto ata converter o seu Complexo Hospitalario nun "hospital comarcal". Os representantes dos traballadores sanitarios sinalaron que a principal consecuencia da medida será o descenso de recursos humanos e materiais nos centros da capital.
Indicaron que especialidades como Hemodinámica ou Radioterapia deberían estar instaladas na área de Pontevedra e alegan que o mapa que se está a organizar e as últimas medidas adoptadas dende o SERGAS dentro do modelo de xestión clínica só benefician a privatización e, en concreto, apuntaron a "Povisa e os propietarios do novo Hospital de Vigo". Lamentan, dende a xunta de persoal, que, durante os últimos dez anos, non se realizasen investimentos sanitarios en Pontevedra.
Os representantes sindicais reclamaron unha entrevista coa Conselleira de Sanidade para expoñerlle a preocupación que sofren tanto os traballadores coma os pacientes dos centros de Pontevedra e a súa oposición aos traslados.