Adeus á dobre fila en Echegaray
Por Alejandro Espiño
A partir da próxima semana será materialmente imposible deixar o coche mal aparcado en Echegaray. O goberno municipal decidiu que esa rúa e a súa paralela, Xeneral Martitegui, pasen a ser zonas reservadas integramente para estacionamento de servizos. Tan só respectaranse as prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, a actual reserva de espazo para o ambulatorio e as paradas de autobuses.
En ambas rúas, calquera persoa poderá aparcar, durante un máximo de 15 minutos, entre as oito da mañá e as nove da noite. A partir desa hora, o aparcamento será libre. Pero hai diferenzas. Mentres en Xeneral Martitegui o aparcamento realizarase en liña en ambos lados da rúa, en Echegaray non. A beirarrúa dereita no sentido da circulación manterá o seu actual aspecto, pero a esquerda pasará a contar con aparcamentos en batería.
Non haberá espazo físico, polo tanto, para poder parar en dobre liña, unha práctica habitual na rúa Echegaray e que, segundo o Concello provocaba certa inseguridade viaria. Malia terse cortado provisionalmente a ponte da Barca, "detectouse que os condutores seguían parando en dobre fila", polo que con esta medida "eliminamos esta práctica indesexable, gañamos espazos de estacionamento e permitimos máis rotación".
Ademais destas dúas novas zonas, o goberno municipal modificará algunhas das áreas reservadas para servizos na contorna dos centros educativos, ao comprobar que non están sendo utilizadas para o fin para o que foron creadas, aumentar a seguridade dos escolares. Serán pequenos reaxustes que, do mesmo xeito que os cambios en Echegaray e Xeneral Martitegui, aplicaranse "paulatinamente ao longo da próxima semana", segundo Carme da Silva.
A sinalización e pintado realizarase desde esta noite e os cambios aplicaranse "paulatinamente ao longo da próxima semana", segundo Carme da Silva
Neste sentido, eliminarase o aparcamento de servizos na rúa da Estrada, ante o colexio Sagrado Corazón, tras detectar "que non se estaba utilizando con esa finalidade". Ademais, reducirase o horario de ditas zonas na contorna do colexio Salvador Moreno en Rosalía de Castro e en Iglesias Vilarelle, nas inmediacións de Campolongo, que pasará a ser de oito da mañá a tres da tarde.
Outra das modificacións afecta a Arcebispo Malvar, na súa zona máis próxima á Praza de España. Ata agora había certa permisividade para estacionar temporalmente alí os coches, para dar servizo especialmente ao colexio San José, situado na Praza do Teucro, "pero observamos que non funciona e que hai coches aparcados en horarios diferentes aos do colexio", polo que se elimina definitivamente.
En todo caso, todo este dispositivo está suxeito a "cambios permanentes", en función das necesidades de cada unha das zonas. De feito, o goberno municipal aceptou unha suxestión dos responsables da escola infantil da Parda para crear unha destas zonas nas inmediacións do centro. "Estamos estudando cal sería a mellor zona, tendo en conta que estamos a falar de nenos moi pequenos", sinalou a concelleira.
FUNCION DO MULTAMOBIL
Controlar que ninguén aparca en todas estas zonas máis dos quince minutos permitidos será unha das funcións principais do coñecido como 'multamóbil'. Aínda non hai data para a súa entrada en servizo, xa que a empresa non o entregou aínda e despois "temos que marcar os protocolos de funcionamento". Con todo, non se descarta que pode estar na rúa antes de que acabe este ano.
Será, dixo Carme da Silva, "un bo instrumento" para mellorar o traballo da Policía Local, xa que recordou que "os que multarán serán os axentes", algo que xa veñen facendo na actualidade "anotando eles mesmos ou tempo que leva cada coche na zona". Agora farase de forma automática e facilitarase que esas prazas de aparcamento de servizos "funcionen para o seu propósito" tras detectarse de forma habitual "malos usos".
Relacionadas:
-
Reducen a "servizos" o tráfico en Alameda, Echegaray e Alfonso XIII para limitar a saída á ponte da Barca
Por Anxo Lourido |
-
A Avenida do Uruguai absorbe "sen problemas" os 6.000 coches diarios que perdeu Echegaray
Por Alejandro Espiño |
-
A contorna da Subdelegación, Belas Artes e o Ambulatorio estreará 2014 con novo aspecto
Por Alejandro Espiño |