Xunta e Deputación inician unha ofensiva para dar "absoluta preferencia" á biomasa
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Galicia aposta decididamente pola biomasa e dende as institucións nas que goberna: Xunta, Deputación e concellos, puxo en marcha unha auténtica ofensiva para dar "absoluta preferencia a esta actividade económica".
Así o anunciou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que confirmou a pasada semana que no próximo ano 2014 a Xunta poñerá en marcha un plan de acción integral de biomasa, un combustible ao que definiu como "barato, limpo e galego".
O obxectivo é ambicioso, o goberno autonómico destina unha liña de axudas de 10 millóns de euros e espera que nun ano estean en funcionamento mil caldeiras de biomasa na comunidade.
Tamén o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, ten en marcha un proxecto para fomentar o cambio de caldeiras de gasóleo por biomasa en 54 concellos da provincia. En total Louzán aspira a substituír 102 caldeiras de gasóleo que abastecen de calefacción e auga quente sanitaria a outras tantas instalacións de titularidade municipal o que permitiría aos concellos aforrar un mínimo do 40% da súa factura enerxética.
Louzán subliñou que a substitución das caldeiras non requirirá de investimento económico por parte dos concellos, "terá custo cero", dixo, dado que o asume directamente a Deputación por dúas vías: por medio da colaboración co INEGA e co financiamento privado a través da adxudicación do proxecto a unha empresa de servizos enerxéticos por medio de concurso público.
Ademais deste aforro económico e da eficiencia enerxética, entre outros argumentos insístese na creación de postos de traballo e a loita contra os incendios.
O problema é que Galicia ten bosque pero carece dunha industria de biomasa que achegue a estela ou os pellets.
A última referencia ao respecto achegouna durante unha visita a Pontevedra o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, cuxo departamento estuda os proxectos de biomasa que Ence quere desenvolver en Galicia como alternativa ao traslado da fábrica de celulosa na ría de Pontevedra. "Unha planta de biomasa é algo que se valorará no seu momento", dixera.
Sobre a mesa do conselleiro encóntranse as propostas de ENCE para levantar dúas plantas de biomasa no eixe Santiago-Pontevedra e unha máis en Lourizán.
Relacionadas:
-
Unha investigación da Escola de Forestais permitirá abrir o mercado da biomasa a novos materiais
Por Redacción |
-
"Extraordinaria acollida" dos concellos ás caldeiras de biomasa
Por Oskar Viéitez |
-
Búscanse mecenas para reforestar catro mil hectáreas na provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Príncipe Felipe aforrará entre 80.000 e 100.000 euros anuais ao substituír a súa caldera de gasóleo por biomasa
Por Redacción |
-
Impulsan un proxecto para substituir as caldeiras de gasóleo por biomasa en instalacións municipais
Por Redacción |
-
Arregui (ENCE): "Lo que hacemos no molesta ni daña a nadie. ¿Por qué nos tenemos que ir si cumplimos la ley?"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |