O proxecto 'El árbol es vida' reforestará 4.000 hectáreas de monte na provincia de Pontevedra
Por Redacción
Unhas 4.000 hectáreas de monte reforestaranse na provincia de Pontevedra no marco do proxecto El árbol es vida da Fundación Española de la Madera. Esta iniciativa, declarada acontecemento de excepcional interese público, busca plantar 10 millóns de árbores en toda España, e calcúlase que xerará máis de 1.000 empregos directos, segundo subliñou este venres o presidente da Deputación, Rafael Louzán.
Para poder reforestar esas hectáreas de terreo, a institución provincial non só buscará captar donantes e patrocinadores entre as empresas da provincia, senón que negociará cos propietarios forestais a cesión de terreos e procederá á redacción dos proxectos de plantación e á contratación dos traballos necesarios.
Neste sentido, para a contratación dos labores de plantación terán preferencia as empresas de inserción social, as persoas en risco de exclusión social e as empresas locais, xa que, tal e como destacou Louzán, "tamén se trata de favorecer a xeración de emprego na provincia".
Ademais amosouse convencido de que haberá empresas interesadas en patrocinar o proxecto e en realizar doazóns, dado que o 90% do importe doado poderano deducir do Imposto de Sociedades e disporán de 10 anos para realizar esta desgravación.
O presidente da Deputación incidiu en que por medio desta iniciativa "podemos conseguir poñer en valor moitas hectáreas de monte en estado de abandono e dar un novo pulo a esta provincia como polo forestal". A xuízo de Louzán, este proxecto pode ser unha vía para visibilizar o potencial dos montes pontevedreses "e facernos conscientes do que temos e do que estamos a perder por non saber aproveitalo".