Nunca Máis volve á rúa con "fame de xustiza"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O movemento cidadán Nunca Máis volveu este venres á rúa para clamar contra "a impunidade" da sentenza do Prestige na que non houbo ningún condenado por delito contra o medio ambiente.
Pontevedra, ao igual aconteceu nas principais cidades de Galicia, acolleu unha concentración na Praza da Peregrina. A diferenza do resto de cidades, en Pontevedra non houbo pancartas nin outras bandeiras que non fosen a de Nunca Máis.
Máis de medio milleiro de persoas participaron nun sinxelo acto no que o concelleiro nacionalista Demetrio Gómez actuou como condutor dando paso á lectura dun manifesto a cargo do presidente da Asociación Pola Defensa da Ría, Antón Masa.
A continuación tomou a palabra Alba Hermida. Esta rapaza, que agora ten 23 anos, foi a encargada de ler o manifesto dende o balcón do Concello de Pontevedra hai agora once anos. Alba recordou como eran os seus sentimentos entón e como se sente agora.
Finalmente Xosé Luis Alonso, profesor e fotógrafo, leu o comunicado que a Plataforma Nunca Máis fixo público en todas as súas mobilizacións deste venres, baixo lema 'Non esquecemos. Non á impunidade. Mareas negras Nunca Máis' no que se avisou de que Nunca Máis "volverá ás rúas" e a mobilizarse para mostrar a súa indignación co fin de pedir que se faga xustiza polo desastre ambiental nas costas galegas.
Esta terra "segue á deriva sen institucións que a defendan"
"Galicia non permanecerá calada nunca máis", clama o manifesto no que se critica que esta terra "segue á deriva sen institucións que a defendan". "Onde está a xustiza en pleno século XXI? ", pregúntase este colectivo antes de aseverar que "só queda a xustiza pola man", parafraseando a Rosalía de Castro.
E é que boa parte deste manifesto se centra en cargar contra un sistema de xustiza que Nunca Máis considera propio "do século XIX" por estar "ao servizo do poder". Ante isto, os membros de Nunca Máis deixan claro que se hai 11 anos saíron ás rúas para denunciar a xestión política da catástrofe por parte do Partido Popular na Xunta e o Estado, agora deberán facer o mesmo ante a súa "fame de xustiza".