O PP insiste na necesidade de arranxar "con urxencia" as deficiencias das piscinas de Campolongo
Por Redacción
O Partido Popular trasladará ao pleno municipal do vindeiro luns a necesidade de que se actúe "con urxencia" nas piscinas de Campolongo, un recinto sobre o que recordan existe un informe técnico de abril de 2011 que relaciona medio centenar de deficiencias, "sen que conste que o Concello fixera aínda nada por corrixilas".
César Abal, concelleiro do PP, explica na moción que aquel estudo detectou numerosas patoloxías nos sistemas eléctrico, de climatización e de subministro de auga, así como filtracións nos vasos, cuberta e muros, condensación en cerramentos, desprendementos de azulexados e pavimentos cerámicos, corrosión en parafusos, degradacións en revestimentos ou roturas en baixantes e pezas do sistema de pluviais, entre outras.
"Os usuarios levan anos soportando as consecuencias dese deixamento municipal, mentres o Concello mantén irresponsable e incomprensiblemente a súa intención de ligar o futuro das piscinas de Campolongo á creación e explotación do futuro centro deportivo da Parda", insisten os populares.
O PP denunciou esta situación o pasado mes de setembro, no que Jacobo Moreira e César Abal, acudiron ás portas do complexo deportivo. Desde aquela data aos representantes populares cónstalles "que xa houbo algunha reacción, que se notou por exemplo nun aparente aumento da temperatura da auga", unha actuación que consideran insuficiente ante "o malestar de moitos usuarios en relación co estado das instalación".