Unha militar da Brilat de 35 anos falece tras sentirse indisposta durante un exercicio de instrución
Por Natalia Puga
Elena Santiago Piñeiro, de 35 anos e militar profesional desde hai 16, faleceu este venres no hospital tras sufrir unha indisposición mentres participaba nun exercicio de instrución e adestramento.
A falecida estaba destinada no Grupo Loxístico VII da Brigada Galicia VII, Brilat, con sede en Figueirido, e realizaba este adestramento cos seus compañeiros entre Santa María de Oia, Barro e Meis.
O exercicio comezou o pasado luns 13 de decembro e a moza sentiu indisposta na mañá deste venres. Nun primeiro momento, foi atendida polo persoal militar sanitario da unidade que acompañaba o exercicio de instrución, como é habitual.
Tras prestarlle unha primeira asistencia, o propio persoal facultativo decidiu evacuala nunha ambulancia militar ao Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez de Pontevedra, onde faleceu pouco despois.
A soldado Elena Santiago ingresou no Exército o 14 de novembro de 2005 e, tras superar a fase de instrución básica militar no CIMOV Nº 2 de Cádiz, foi destinada ao Grupo de Artillería VII da Brilat. Posteriormente cambiou o seu destino ao Grupo Loxístico VII no que estaba recentemente.
A moza foi condecorada coa Cruz de Bronce da Cruz á constancia no servizo e a Medalla conmemorativa da Operación Balmis desenvolvida durante os momentos iniciais da pandemia da covid-19.
Relacionadas:
-
Defensa convoca 1.627 prazas para militar de tropa e mariñeiría, pero ATME advirte que é "un traballo precario e mal pagado"
Por Oskar Viéitez |
-
As "gestas heroicas" da Brilat na pandemia, un "orgullo" para Galicia segundo a ministra de Defensa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Brilat, coa mente en Iraq e Mali e o corazón en dous incidentes de manobras
Por Redacción |
-
A Consellería de Emprego acredita a 120 militares a súa experiencia profesional en vixilancia e seguridade privada
Por Oskar Viéitez |
-
Rescatan os dous ocupantes dun coche precipitado nas rochas en Mogor
Por Oskar Viéitez |