Buscan un perigoso delincuente que fuxiu por toda a cidade nun coche roubado e a pé
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As policías Local e Nacional protagonizaron durante toda a mañá deste venres unha rechamante persecución por terra e aire dun individuo que fuxiu cun coche roubado por varias rúas da cidade, deixou un regueiro de polo menos 15 coches danados e acabou abandonando o seu vehículo encaixado contra a sede da Seguridade Social e fuxindo a pé. Malia que varias patrullas e un helicóptero lle seguiron a pista por medio Pontevedra, conseguiu eludir o cerco e ás 19.30 horas segue sen localizar. Non consta que vaia armado.
Todo empezou sobre as 11.30 horas. A Policía Nacional tiña constancia de que o xoves roubaran un Volkswagen Touareg en Vigo e localizárono estacionado na rúa Almirante Matos cun can dentro. Nese momento viron como se achegaba Felipe S.C., un coñecido e perigoso delincuente de orixe portugués, pero co seu domicilio no Paseo de Colón de Pontevedra. O home, de 37 anos, ía acompañado por unha muller, de modo que intetaron dalo o alto e pediron o apoio de máis coches 'Z'.
Ao ver á Policía, a parella entrou rápido no coche e botou a andar coas portas do condutor e o acompañante abertas. Varias patrullas cruzáronse no seu camiño e empezou a rechamante persecución que ben podería converterse no guión dunha película.
O home deu marcha atrás e chocou con varios vehículos aparcados, retomou o sentido da circulación e fuxiu a toda velocidade. Nese momento, a muller tamén de orixe portugués que ía de acompañante tentou baixarse e uns metros despois, o coche volveu bater cun sinal e a porta quedou polo camiño. Finalmente, a muller saiu disparada do coche en marcha e nese mesmo momento foi detida polos policías que estaban a perseguir ao coche. A muller, de 24 anos, permanece nos calabozos da Policía Nacional.
Mentres, o coñecido delincuente seguiu fuxindo da Policía por varias rúas da cidade, entre elas algunha en dirección contraria, ata que finalmente, en Arcebispo Malvar, colidiu contra un transformador eléctrico situado nun lateral do edificio da Seguridade Social. Deixou o coche abandonado e sen porta e saíu correndo polas escaleiras que soben cara á basílica de Santa María. O Volkswagen Touareg quedou sen marcha e encaixouse contra o lateral do edificio da Seguridade Social.
A partir dese momento, produciuse unha persecución a pé e en coches, apoiada en todo momento polo helicóptero da Policía Nacional que sobrevoaba a cidade. Fuxiu pola zona de Campolongo, por Cobián Roffignac e por varias rúas do centro de Pontevedra ata que a Policía lle perdeu a pista, posiblemente porque se escondeu nun establecemento comercial.
Tras máis de tres horas, seguen buscándoo. Durante bastante tempo a busca centrouse na zona do poboado chabolista do Vao, ata onde se sospeita que puido chegar en taxi, pero ao respecto todas as informacións policiais son moi prudentes ata que se logre a localización e detención. Contan cunha completa descrición do fuxido porque é xa un coñecido delincuente e saben que este venres está vestido con roupa do F.C. Barcelona.
A busca mantense implica tamén a Garda Civil e espandiuse a municipios de toda a provincia mentres a Policía Nacional está a intentar aclarar a secuencia dos feitos, que xeraron grande expectación por toda a cidade debido ao amplo despregamento de medios e á espectacular fuxida con danos en 15 coches que protagonizou por San Roque.
A Policía está a interrogar a muller que viaxaba con el no coche. Transcendeu que a rapaza relatou que é unha amiga, que se coñeceron hai uns días e que en canto se decatou de que estaban a fuxir ela intentou baixarse do coche, momento no que se produciu a súa detención en San Roque. Cando foi detida presentaba un elevado estado de nerivosismo e negou toda implicación en algún delito, pero agora haberá que aclarar se tamén ela participou no roubo do vehículo.
F.S.C. ten un amplo historial delituoso e ata hai pouco tempo estivo a cumprir condena no cárcere da Lama. Ademais do roubo do coche e a fuxida da Policía estase a investigar se protagonizou algún outro delito. Ao respecto, Antonio Coello sinalou que non se ten constancia aínda.
Relacionadas:
-
Condenan a cinco anos de prisión ao kamikaze do Touareg
Por Oskar Viéitez |
-
O kamikace do Touareg enfróntase aos fotógrafos e ten que ser reducido pola policía nos xulgados da Parda
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O kamikace do Touareg chega a xuízo por un regueiro de delitos e enfróntase a 14 anos de cárcere
Por Natalia Puga |
-
Ingresa en prisión o perigoso delincuente que fuxíu da Policía polas rúas de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Deteñen en Poio o fuxitivo que escapou da Policía nun coche roubado e a pé por Pontevedra
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A fuxida do condutor do Touareg: "Estuvo escondido en mi tienda cuatro minutos, se le notaba muy nervioso"
Por Natalia Puga |