Feijóo salienta o "progreso" da Festa do Albariño que "como o bo viño, mellora co tempo"
Por Oskar Viéitez
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, participou este domingo nos actos da LXI Festa do Albariño no Pazo de Fefiñáns, declarado Ben de Interese Cultural o ano pasado.
"Hoxe hai 79 razóns menos" para celebrar a Festa do Albariño dixo, "nunca unha festa fora tan triste", apuntou Feijóo en referencia ao accidente ferroviario de Santiago.
Mais o presidente da Xunta tamén salientou o progreso dun acontecemento que "como o bo viño, mellora co tempo" e referiuse aos novos cabaleiros e donas do Capítulo Serenísimo do Albariño, "encargados de defender e promulgar o que é noso, pero tamén levalo polo mundo adiante".
"Hoxe precisou- incorpóranse á honra do albariño o coñecemento do sector vitivinícola de Guillermo de Aranzabal Agudo; a experiencia e a profesionalidade no ámbito turístico de Amancio López Seijas; o saber facer nos despachos de avogacía e na escritura de Manuel Medina; e a capacidade interpretativa de Diana Nogueira".
Feijóo lembrou a figura do que "sempre será Gran Mestre do Capítulo Serenísimo do Albariño, Don Manuel Fraga Iribarne" e amosouse convencido de que "estes novos valedores do albariño saberán mellor que ninguén velar pola súa saúde e difundir a súa imaxe alá por onde vaian polo ben dun sector estratéxico para Galicia, como é o vitivinícola".