Ravachol e Furcinho traen un Entroido para ir en traxe de baño
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Chegou Ravachol nunha época na que a tradición non ten afeitos os pontevedreses. Veu acompañado de Furcinho, un camaleón brasileiro ao que coñeceu nas praias de Copabacana, e trouxeron con eles o primeiro 'Entroido de Verán' de Pontevedra. Animados pola decoración de 60 establecementos hostaleiros da cidade e polo pregón 'tolo' do escritor e columnista Rodrigo Cota, cidadáns e visitantes botáronse á rúa.
O evento anunciouse con pouca antelación e vivía a súa primeira edición, pero, malia todo, este sábado conseguiu adeptos, persoas aos que inspirou a idea de unir Entroido e verán e que encheron as rúas de bañadores, flotadores, lentes de sol ou equipos de mergullo.
Os culpables de todo este dispendio de imaxinación e verán foron un grupo de empresarios do centro histórico que se identifican a si mesmos como 'Agrupación de Hostaleiros Pa-veros', que recibiron o respaldo da Consellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo. Contaron cun aliado inestimable para sentar tradición cunha idea innovadora na cidade, Rodrigo Cota, que ás 21.30 horas deu o pistoletazo de saída a unha noite carnavalesca cun pregón na praza da Verdura.
A festa formulouse como temática e vinculada á época do ano na que se celebra. Os pontevedreses e visitantes deberían vestirse de verán e, para animar a festa, botaron man á bolsa da praia. Non faltaron as perrucas de todo Carnaval, pero completaron os 'looks' con manguitos, toallas, tumbonas ou saias hawaianaas.