Poio renova o seu 'romance' coas ameixas coa XXVI Festa da Ameixa de Campelo
Por Alejandro Espiño
Uns 700 quilos de ameixas. Son as previsións que manexan os organizadores da XXVI Festa da Ameixa de Campelo, "a festa gastronómica por excelencia" do Concello de Poio, segundo sinalou o concelleiro de Turismo, Xosé Luís Martínez. Celebrarase o sábado 20 e o domingo 21 de xullo. Dous días de festa nos que se pretenden superar as 1.700 racións de ameixas que se serviron na pasada edición.
Na presentación desta Festa da Ameixa, Xosé Luís Martínez, que estivo acompañado do presidente da Asociación de Veciños de Campelo, José Currás, sinalou que é un evento que está "máis que consolidado" no calendario festivo do municipio. Pretende, destacou, "promocionar un lugar como Campelo e un produto do que vive moita xente do noso concello e que ten un impacto moi importante na nosa economía".
Como vén sendo habitual, os asistentes poderán degustar as ameixas de tres formas diferentes: á mariñeira, con fabas ou con fideos. Os prezos son os mesmos "que nos últimos cinco anos", apuntou o concelleiro de Turismo. As ameixas á mariñeira, "a raíña da festa", custarán sete euros a ración, mentres que as ameixas con fabas ou con fideos, "que se incluen pensando nos máis pequenos", terán un prezo de seis euros.
Para que todo salga á perfección nesta Festa da Ameixa, que este ano conta cun orzamento de 53.000 euros, na súa organización traballarán un total de 18 persoas. Oito son traballadores do Concello de Poio, mentres que as outras dez restantes, camareiros, cociñeiros e persoal de barra, serán contratadas para ambos días. E non haberá problema se se acaban as ameixas, porque a depuradora Rías Baixas estará servindo produto continuamente.
As actividades que se incluirán na XXVI Festa da Ameixa, que se celebrarán todas elas na Praza da Granxa de Campelo, son as seguintes:
Sábado 20 de xullo
- 12.00 horas: Inauguración da Festa da Ameixa coa actuación da Escola de Música Tradicional de Poio.
- 12.30 horas: Apertura da carpa degustación.
- 23.00 horas: Verbena coa orquestra Embajadores
Domingo 21 de xullo
- 10.30 horas: Pasarrúas da Banda de Música de Arcade
- 11.45 horas: Homenaxe ás mariscadoras organizado pola Asociación de Veciños de Campelo e coa actuación da Coral Virxe de Fátima
- 12.00 horas: Concerto da Banda de Música de Arcade
- 12.30 horas: Apertura da carpa degustación.
- 19.30 horas: Actuación do grupo folclórico Vides Novas
- 22.00 horas: Verbena coa orquestra Ritmo Novo
Nesa homenaxe, a Asociación de Veciños de Campelo recoñece tradicionalmente ás mariscadoras que se xubilaron o ano anterior, neste caso, só unha: Isabel Villanueva. Pero o Concello de Poio aproveitará para homenaxear outra muller, Peregrina Zarazo Martínez. Ten 86 anos, foi a dona do Bar A Quiniela e nos inicios desta festa colaborou sempre de forma altruísta como cociñeira.
Xosé Luís Martínez destacou para rematar a importancia que ten a Festa da Ameixa para o sector turístico do municipio. Xunto con outros eventos que se celebrarán nos próximos días como a Festa do Mar ou o Summer White Festival, lograron que as reservas hoteleiras creceran un 10% con respecto ao ano anterior. Unha tendencia que xa se notou na primeira quincena de xullo, na que a ocupación aumentou un 4% con respecto a 2012.