A feira de artesanía Chalana elixe Raxó para reinventarse e abrirse á cultura e á gastronomía
Por Alejandro Espiño
Do 28 de xuño ao 7 de xullo, o porto de Raxó (Poio) acollerá unha nova edición da feira de artesanía Chalana, pero nesta ocasión faino convertida nun evento multidisciplinar que pretende converter a este pobo mariñeiro en referencia da cultura, a gastronomía e, por suposto, da mellor artesanía galega. Con ela, preténdese dar "un impulso ao nome de Raxó para que sexa coñecido en toda Galicia", sinalou a concelleira de Cultura, Silvia Díaz.
Un total de catorce postos de artesanía ofrecerán os seus produtos durante os dez días que durará esta feira, coa que os seus organizadores, a asociación Deseño Atlántico dobrarán os seus esforzos ao manter tamén a de Pontevedra. Pablo Rodríguez, portavoz deste colectivo, recoñeceu que a de Raxó "ten un espazo diferente e estará máis equipada" e destacou o gran número de actividades paralelas que se celebrarán.
Neste sentido, haberá un espazo reservado para a música tradicional co programa Chalana Folk. Todos os días, ás 21.00 horas, tanto no porto de Raxó como polo resto do pobo, haberá unha actuación musical con algunhas das agrupacións máis coñecidas da música folk galega como Os Alegres, Maravallada, Vides Novas, Os Chichisos, Os Berberechiños, Regato de Matamulleres ou Pousos da Area.
Os hosteleros de Raxó tamén poñerán o seu gran de area para atraer aos turistas ata o pobo. Farano coa organización do primeiro concurso de 'pinchos da terra'. Celebrarase os días 28, 29 e 30 de xuño e 6 e 7 de xullo. Quince bares e restaurantes prepararán dúas propostas cada un con produtos típicos galegos "do mar ou dá montaña", explicou Andrés Ruano, propietario de Tito Mexillón, un dos establecementos participantes.
Cada asistente poderá probar estes pinchos a un prezo de 2,50 euros (consumición incluída) e entre aquelas persoas que pasen polos quince locais participantes sortearase unha cea para dúas persoas no restaurante Pepe Vieira. Precisamente, Xosé Cannas formará parte do xurado, entre outros con Pepe Solla e Yayo Daporta, que outorgarán os tres premios aos hostaleiros que elaboren as mellores propostas.
Con este concurso, dixo Xosé Cannas, preténdese reivindicar a tradición mariñeira de Raxó. "Este pobo viviu sempre do que deu o mar", explicou, o que outorgou á cociña "das nosas nais e avoas" unha cultura gastronómica "que temos que recuperar". Trátase de "gozar desa forma de cociñar na casa" para demostrar que en Raxó "se cociña ben, se cociña moito, úsanse produtos do mar, produtos frescos e de primeira calidade".
Ademais, dentro da programación desta feira Chalana, que está organizada tamén polo Concello de Poio e a Sociedade Cultura e Deportiva de Raxó, inclúese tamén unha exhibición de vela tradicional, que correrá a cargo da Reiboa, Amigos da Dorna e o Náutico de Raxo, e unha exposición de fotografías antigas.