O futuro da Brilat propicia unha nova alianza entre PP e PSOE no pleno municipal
Por Diego Espiño
O goberno local escenificou un novo desencontro coa alianza protagonizada entre Partido Popular e Partido Socialista polo futuro da base Genral Morillo na súa actual localización.
O obxectivo da moción presentada polo PP e referendada polo PSOE, tras propoñer unha nova redacción do texto, é evitar que a Brilat abandone Pontevedra, unha moción que se aprobou con 13 votos polos 10 do grupo nacionalista, que non puido tombar a proposta sen o apoio do seu socio de goberno.
Segundo reza o texto aprobado ínstase o alcalde de Pontevedra para que medie na negociación entre o Ministerio de Defensa e a Comunidade de Montes de Salcedo, segundo recoñeceu o voceiro popular Jacobo Moreira: "non sería estrano que a falta de acordo remate coa marcha da Brilat, sorpréndeme que non se involucren. Está a confundir o seu antimilitarismo co que é importante para Pontevedra".
Tanto Moreira como Antón Louro aseguraron defender que os comuneros reciban unha compensación económica, pero experesaron as súas dúbidas ante o que podería ser unha gran perda para a bisbarra, unha argumentación compartida en parte polo socialista, que xustificou a decisión do seu grupo ante a importancia socioeconómica da base: "son millóns anuais de gasto, non podemos perder ese baluarte económico".
Pola súa banda dende o BNG foi César Mosquera o que revelou o parecer do seu grupo, asegurando que chegado o momento farán o necesario para defender a Brilat, pero que o futuro da base non depende da negociación cos veciños: "o futuro da Brilat está no aire polo recorte de efectivos e asentamentos do Ministerio, nada que ver con todo esto que entendemos é unha coacción mediática aos veciños. Nós fiámonos do criterio dos comuneiros".
Ademais de instar o alcalde á mediación, a moción inclúe tamén unha declaración que mostre a vontade do Concello para a permanencia da base, trasladando este desexo formalmente a Defensa.
O acontecido no pleno municipal é a segunda 'pinza' que sofre o grupo do BNG en menos dun mes, despois do acontecido o pasado 27 de maio no debate sobre o PXOM.
DRAGADO DA RÍA
O pleno municipal aprobou por unanimidade a proposta do grupo socialista para dirixirse a Portos de Galicia e esixir que se inicien as obras de dragado na ría de Pontevedra dende Tambo ata o porto deportivo, onde está planeado limpar de lamas a canle de navegación e evitar os actuais problemas cando baixa excesivamente a marea.
Por outro lado quedou rexeitada ante a oposición de BNG e PSOE unha moción do Partido Popular que solicitaba a retirada do recurso do Concello ás obras de ampliación dos accesos a Monte Carrasco, onde a Xunta planea a construción dun novo hospital. Tampouco prosperou a proposta dos populares para o que Pontevedra se adherira ao Fondo Social de Vivendas promovido polo Estado.