O xuíz Vázquez Taín ordena a detención de Rosa Charlín e Jorge Durán
Por Redacción
Axentes do Corpo da Policía Nacional detiveron no seu domicilio en Vilagarcía ao narcotraficante Jorge Durán Piñeiro e á súa parella Rosa Marín Charlín, sobriña do patriarca do famoso clan dos Charlines, acusados dos supostos delitos de tráfico de estupefacientes e branqueo de capitais.
Segundo fontes oficiais este venres pasarán a disposición do titular do Xulgado de Instrución Número 2 de Santiago, José Antonio Vázquez Taín.
Esta detencións son un fleco pendente da operación policial do pasado 7 de xuño na que os axentes da Policía Nacional detiveron catro individuos como presuntos responsables dunha rede de distribución de drogas en Santiago de Compostela e da súa área de influencia. Entre estes detidos estaba o vilagarciano Roberto Regal.
Este xoves no rexistro do chalé de Fontecarmoa no que foron detidos Durán e Charlín os axentes encontraron máis de catro quilos de cocaína, doce quilos de haxix e case 15.000 euros en efectivo, ademais de numeroso instrumental para a preparación e distribución da droga.
Os axentes do grupo de estupefacientes efectuaron un segundo rexistro en Vilagarcía nun negocio de compra-venda de vehículos, o cal foi precintado por se fose usado para fins ilegais.
Rosa Charlín e Jorge Durán contan con numerosos antecedentes por tráfico de drogas e branqueo, e no caso de Durán fora procesado pola desaparición en 2004 do mozo Fernando Caldas, se ben finalmente foi absolvido por falta de probas, xa que o cadáver de Fernando Caldas non foi atopado.