Os comuneiros queixanse de que intentan "criminalizalos" pola negociación dos terreos da Brilat
Por Redacción
Os máximos responsables da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, Xosé Alfredo Pereira e Claudio Quintillán, saíron en defensa dos comuneros de Salcedo que, tras a sentenza xudicial que lles outorgaba a propiedade dos terreos, intentan negociar un aluguer co ministerio de Defensa que permita a permanencia da Brilat nos montes comunais.
O presidente da organización, Xosé Alfredo Pereira, afirmou que "Eu creo que hai que recoñecer a gran loita dos veciños e comuneiros de Salcedo por recuperar un monte que foi deles dende sempre e que estaba ao servizo do exército coa Brilat. Teñen todo o dereito do mundo para cobrar un alugueiro polo dereito a usar esas terras. E os prezos teñen que estar baseados na produción estimativa que ofrece o monte veciñal e iso ten que facelo a veciñanza comuneira".
Pola súa banda, Claudio Quintillán, lamentou que fose o servizo de montes da Xunta de Galicia quen realizou a avaliación do rendemento dos terreos, cando iso non se está a realizar a petición das comunidades de montes "en cambio o exército llo realiza e lla fai con único rendemento de eucalipto ou de pino. Pero imaxinade que fose un polígono industrial ou se tivesen porco celta, frambuesa ou castaño ou calquera outra especie con rendemento superior" e engadiu "canto lle custa un tanque ao exército? O que reclaman os comuneiros non vale a metade".
Neste sentido, Quintillán afirmou que se está a crear un estado de opinión "para criminalizar ás comunidades de montes". E sinalou que a negociación está aberta acusando o propio exército de lanzar informacións que non se axustan á realidade: "Lanzan globos dende o propio exército cun disparate dunha cantidade que non entra nas pretensións, porque o sabemos, destes comuneiros,".