VÍDEO.- Tres edificios desaloxados con motivo dun incendio orixinado nun asador de Campolongo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os bombeiros de Pontevedra sitúan na cociña dun restaurante situado no edificio número 3 da rúa Alfonso X a orixe do lume que se desataba ao redor das 13.20 horas e que afectaba á parte interior do inmoble como ás vivendas dos números 39 e 41 de María Victoria Moreno, no barrio de Campolongo, nas proximidades ao edificio da Xunta de Galicia.
Foi necesario desaloxar aos residentes dos tres inmobles. Non se ten constancia de que algunha persoa resultase ferida. Ao redor das 16 horas está previsto que os residentes nos edificios de María Victoria Moreno poidan volver as súas vivendas mentres que os veciños das cinco vivendas afectadas do inmoble de Alfonso X serán realoxados esta noite.
Os bombeiros consideran que non poden permanecer nos espazos que estiveron afectados polo fume e polas altas temperaturas derivadas do incendio. Serán realoxados en casas de familiares agás no caso dunha familia á que o Concello lle busca unha alternativa para pasar a noite, segundo informan desde o Concello de Pontevedra.
Ata o lugar, ademais de dous camións do parque de Bombeiros desprazouse unha ambulancia do 061, que repartiu mantas entre as persoas que tiveran que abandonar rapidamente o seu domicilio nalgúns casos con pouca roupa de abrigo. Tamén acudiron unidades da Policía Local e Nacional.
Ao redor das 14.00 horas, segundo a Policía Local, os bombeiros lograban controlar o lume e procederon a enfriar as instalacións e a ventilar as vivendas.
O fume, visible desde diversos puntos da cidade, alertou á poboación pontevedresa na mañá deste último domingo de xaneiro.