Unha peregrinación militar de record: a Compostelana en menos de 24 horas
Por Natalia Puga
23 horas e 50 minutos. Foi do tempo invertido pola patrulla do Batallón de Zapadores (BZAP) da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) Galicia VII en percorrer os 120 quilómetros que separan Tui de Santiago de Compostela. Os cinco militares que a integran bateron un récord na historia do concurso de patrullas que a Brigada organiza dende hai 12 anos.
Os patrullleiros chegaron á praza do Obradoiro arredor das 9.30 horas da mañá. Saíran de Tui ás 8.00 horas deste luns, 25 horas e media antes, pero no cómputo final do tempo dedicado ao percorrido hai que restar as dúas paradas obrigatorias que realizaron en Pontevedra e Padrón, ao termo das dúas primeiras etapas do Camiño a Santiago, para pasar un recoñecemento médico.
O récord temporal xa non llo pode roubar ninguén nunha edición do concurso na que, ademais, a organización limitara a 36 horas o tempo máximo para alcanzar Santiago e facerse coa Compostelana. Terán que esperar aínda varias horas para saber se a marca batida lle servirá tamén para converterse na patrulla gañadora, pues na clasificación final valóranse outros factores como a puntuación alcanzada nas sete probas que tiveron que superar polo camiño: lanzamento de granadas, percorrido topográfico, tiro de precisión con fusil, paso de pista de obstáculos, paso de rápel, percorridos cronometrados e paso de río a nado.
Na edición deste 2013 participaron na proba 20 patrullas, isto é, 120 militares. Delas, 15 eran da propia Brigada con sede en Figueirido, dous da Brigada Paracaidista e unha da Xefatura de Tropas de Montaña de Huesca, do Tercio Norte de Infantería de Marina e do Mando de Canarias. A diferenza doutros anos, nos que as unidades chegadas de fóra se convertían nunha referencia na proba, este ano foi a propia Brilat a que máis destacou.
Así, á marxe da clasificación final, en canto a tempo investido na proba, a segunda patrulla que chegou a Santiago en menos tempo foi a do Batallón de Infantaría. Logo chegaron Artillaría e o Batallón do Cuartel General, todos eles da base de Pontevedra.
Á espera de que cheguen ao Obradoiro todos os participantes (momento previsto para as 20.30 horas deste martes), prevese que todas as patrullas rematen a proba agás tres. Dous quedaron fóra da competición por sufrir baixa dous dos seus patrulleiros e a terceira por non superar a proba do paso do río previsto en Padrón entre as 4.00 e as 8.00 horas da mañá.
A proba ten entre os seus obxectivos fomentar o espírito de cohesión, dar a coñecer o nome da Brilat e estreitar as relacións tanto no ámbito militar como o civil, ao ser a proba ao longo do Camiño de Santiago, dando posibilidade aos participantes de obter a Compostelana. Como toque final, este mércores, ás 11.15 horas, terán un acto militar na praza do Obradoiro e, a continuación, asistirán á Misa do Peregrino.