A Xunta agarda que o Concello ceda parcelas para vivendas de promoción pública
Por Oskar Viéitez
A Xunta agarda que o Concello de Pontevedra facilite a cesión de parcelas para iniciar a construción de vivendas de promoción pública na cidade, segundo indicou este mércores no Parlamento de Galicia o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García.
Concretou que existe un acordo entre a Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o Concello, polo cal se cederán parcelas en Monte Porreiro para que o concello as dedique a zonas verdes e, a cambio, a Xunta recibirá parcelas de titularidade municipal para a construción de vivenda de promoción pública.
Polo momento, sinalou, o Concello segue sen ceder os terreos comprometidos a cambio das parcelas da Xunta e non facilitou aos técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo o acceso ás parcelas municipais para a súa valoración.
O director xeral do IGVS indicou que actualmente a Xunta é propietaria de preto de 250 vivendas adxudicadas en réxime de alugueiro a prezo reducido en Pontevedra e tamén lamentou que o Concello non se adherise ao Programa de Vivendas Baleiras, co obxectivo de sacar ao mercado as máis de 6.500 vivendas sen uso en Pontevedra.
Pola súa banda, a portavoz de Urbanismo do grupo socialista, María Pierres, alertou que a pesares da "necesidade latente de pisos a prezos asequibles" a promoción de vivenda pública por parte do goberno galego "leva anos paralizada" mentres na cidade de Pontevedra hai hoxe 730 demandantes.
Explicou que os proxectos do IGVS teñen "abandoada á súa sorte" á cidade, onde a última edificación pública, a promoción de Valdecorvos, comezou en 2008 e rematou en 2015.
Aquel edificio, con 132 pisos, respondía a preto do 12 por cento da demanda real que había na cidade no seu momento e que continúa sendo elevada. Lembrou que a previsión de 419 novas vivendas na cidade son "todas elas promovidas polo capital privado", mentres os veciños seguen á espera e "seriamente preocupados por non ter escoitado da Xunta intencións de novas construcións en condicións máis favorables".
A responsable socialista criticou do desleixo do goberno galego diante da "nova burbulla inmobiliaria que se está comezando a fraguar", en alusión á drástica suba dos prezos de alugueiro, coincidindo coa redución da oferta. Esixiu ao goberno galego que "abran os ollos o antes posible e cando menos actúen dende a prevención, que nunca está de máis".
Relacionadas:
-
O PSOE busca o consenso de todos os partidos para poñer en marcha medidas para abaratar os alugueres de vivendas
Por Natalia Puga |
-
Un novo PXOM é "urxente", segundo o PSOE, ante un modelo "parcheado e tuneado"
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello ofreceu á Xunta ata cinco parcelas para construír vivendas sociais
Por Alejandro Espiño |