Os veciños partidarios da compostaxe queren que repercuta positivamente no recibo do lixo
Por Oskar Viéitez
Varios colectivos e asociacións veciñais de Pontevedra partidarios da compostaxe dan un paso adiante para defender a aposta do concello por este tratamento dos residuos orgánicos que consideran "o máis natural e eficaz" e piden que o goberno local o repercuta positivamente no recibo do lixo.
Nunha rolda de prensa no Centro Social do Gorgullón falou coma voceiro Carlos Diéguez Faílde, presidente da Asociación de Veciños O Mirador, de Monte Porreiro, que avogou por "poñerlle fin a todo o problema que se está montando coa compostaxe".
Ademáis de salientar todas as vantaxes da compostaxe os veciños tamén foron críticos coa xestión do goberno local ao que criticaron por "non ter informado todo o que debería" para "concienciar á xente" de todo este proceso, unha labor na que están dispostos a colaborar.
Carlos Diéguez sinalou que os problemas xurdidos en Monte Porreiro "non tiveron moito que ver coa compostaxe" e sinalou a existencia de "certos rumores" que empezaron a circular no barrio e que "crearon moita preocupación entre os veciños". Entre outros, a presenza de ratas ou "que Monte Porreiro ía compostar merda toda que se produce en Pontevedra", dúas cuestións que son falsas, subliñou.
Insistiron en que todo este proceso da compostaxe terá que repercutir positivamente no recibo do lixo
Outra das eivas que lle ven ao sistema que puxo en marcha o concello son as xornadas de traballo dos mestres composteiros que, ao seu entender, "non poden ser horarios de funcionario", é dicir, de 8 da mañá ás 2 da tarde, xa que deixan descoidada a instalación no tempo no que máis residuo se tira "e teñen que preocuparse de que estea en condicións".
Finalmente, insistiron en que todo este proceso da compostaxe terá que repercutir positivamente no recibo do lixo que se lles cobra aos cidadáns. Queren ter o compromiso do goberno local para que "polo menos que non suba máis".
Relacionadas:
-
Máis de 150 persoas optan aos catro empregos que ofrece Pontevedra coa compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
Moreira acusa ao goberno local de utilizar as cámaras de tráfico para vixiar os composteiros
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Haberá una campaña informativa "masiva" para resolver dúbidas sobre a compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
A sobreaportación nos composteiros de Eduardo Pondal obrigará a poñer máis ou pechalos
Por Oskar Viéitez |
-
Desbloquean o reparto de 8.000 composteiros individuais no municipio
Por Alejandro Espiño |