A antiga comandancia da Garda Civil será unha residencia de maiores
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Case 1,5 millóns de euros. É o que pagará a compañía DomusVi, a marca xurdida da fusión de Geriatros e SARquavitaes, para adquirir o inmoble da antiga comandancia da Garda Civil de Pontevedra. Converterano nunha residencia de maiores que, segundo os plans iniciais da compañía, terá unha capacidade dunhas 120 prazas.
Segundo adiantou o xornalista Carlos García en Faro de Vigo, DomusVi, unha das compañías máis importantes no sector xeriátrico español, foi a gañadora da poxa que, este martes, realizou en Madrid a Xerencia de Infraestruturas e Equipamento da Seguridade do Estado (GIESE), organismo dependente do Ministerio de Interior.
Foi a única oferta presentada a esta poxa e presentou unha oferta que superaba en apenas 10.000 euros o prezo fixado para este proceso, 1.474.200 euros.
A empresa, antes desta poxa, xa se dirixira ao Concello de Pontevedra para preguntar sobre a cualificación urbanística deste terreo. Os técnicos ratificaron que o uso previsto encaixaba perfectamente, ao estar catalogado como equipamento no plan urbanístico que está en vigor na cidade.
A falta de coñecer o proxecto definitivo que, previsiblemente, DomusVi presentará cando o Ministerio do Interior termine co procedemento administrativo, desde a empresa sinalan que se construirá neses terreos un novo inmoble para que a futura residencia conte con todos os estándares de calidade que require unha infraestrutura deste tipo.
DomusVi, a antiga Geriatros, xa xestiona outros centros na provincia de Pontevedra, entre outros municipios, en Cangas, Ribadumia, Lalín ou Vigo. Conta en todo o país con máis de 20.000 traballadores en 163 centros residenciais e de atención de día, onde asisten a case 25.000 persoas maiores.
Este procedemento poderá poñer fin a un longo período de abandono das instalacións desde que a Garda Civil estreou a súa nova sede no paseo Domingo Fontán en xullo do ano 2006.
Desde entón, o edificio de Loureiro Crespo foise deteriorando por falta de uso e pola 'invasión' da maleza e de persoas sen fogar que periodicamente utilizan as instalacións para pernoitar.
SATISFACCIÓN NO GOBERNO LOCAL
O concelleiro Demetrio Gómez amosou a súa satisfacción porque unha iniciativa privada se faga cargo deste edificio que se encontraba abandonado. Indicou que esta adquisición no centro da cidade demostra que en Pontevedra poden establecerse negocios de servizos ofrecendo, neste caso, boa calidade de vida para as persoas que asistan a esta residencia. Afirmou que, pola contra, na maioría de concellos estes espazos sitúanse nos exteriores das cidades.
Insistiu en que o Concello ten encargado un proxecto para a reforma de Loureiro Crespo e tamén executará a mellora do cruzamento entre Fernando Olmedo e Casimiro Gómez.