Bueu aprobará medidas preventivas e educativas contra a violencia machista
Por Redacción
O cuarto Plan para a Igualdade de mulleres e homes do Concello de Bueu está previsto que entre en vigor este ano. A portavocía do goberno local presentáballo esta semana ao resto de grupos municipais coa intención de que se aprobe no pleno do xoves 18 deste mes.
O obxectivo deste novo plan, segundo a concelleira de Igualdade, Ana Isabel Otero, é que se converta nunha ferramenta realista, con intervencións en diferentes campos coa intención de promover a igualdade en terreos como a educación, cultura, formación, emprego, lecer, deporte, saúde, benestar ou a participación política e social.
O goberno local quere incidir de maneira especial na educación como chave para cambiar a forma de pensar das xeracións máis novas e mellorar desta forma a loita contra a violencia de xénero.
Entre outras medidas, velarase polo cumprimento dunha imaxe e linguaxe non discriminatoria en toda a cartelería, a documentación, publicidade e proxectos municipais. Ademais, introdúcese como obrigación nos traballos a desagregación de datos por sexo.
O alcalde Félix Juncal alertou da presenza de posmachismo e neomachismo como unha estratexia contra a igualdade, fórmulas que atacan o movemento feminista sinalando ás mulleres como "seres perversos" que esixen medidas para facer dano aos homes.
Por este motivo, pediu na presentación deste documento que os homes fagan unha revisión crítica do seu papel na historia e na actualidade. Juncal lembrou xa non é suficiente con realizar tarefas na casa e responsabilizarse como pais nunha estrutura social de privilexios masculinos e de discriminación das mulleres.
Relacionadas:
-
Bueu, en negro contra as violencias machistas
Por Redacción |
-
Unanimidade en Bueu na aprobación do cuarto Plan de Igualdade
Por Redacción |
-
Nova campaña de educación non sexista en Bueu
Por Redacción |
-
Bueu participa nun programa de atención para escolares vítimas de violencia machista
Por Redacción |