Un concelleiro de Ponte Caldelas, na UCI tras caer por un terraplén de 11 metros na Lama
Por Redacción
O concelleiro de AVP de Ponte Caldelas José Manuel Martínez está ingresado na UCI do Hospital Montecelo logo de sufrir un grave accidente nunha estrada do Concello da Lama na tarde-noite deste domingo. O vehículo que conducía caeu por un terraplén de 11 metros e quedou no medio dun regato dentro do seu vehículo.
Segundo informaron desde o Concello de Ponte Caldelas, o accidente produciuse pasadas as 21.00 horas e o ferido non foi evacuado polos bombeiros do parque de Ribadumia ata moi preto da medianoite, unha tardanza que xa desencadeou críticas políticas en Ponte Caldelas e, segundo sostén o alcalde, Andrés Diaz, tamén por parte da familia.
Fontes próximas á familia indicaron que o home baixaba de Seixido cando tivo o accidente e, cando uns compañeiros falaron con el por teléfono, explicoulles que estaba atrapado no coche. Desde que se tivo coñecemento do accidente ata que o atoparon e logo o rescataron pasaron varias horas e era xa de madrugada cando chegou a Montecelo. Nese momento, presentaba un diagnóstico grave con hipotermia e varias costelas rotas.
A familia relatou tamén que quedou durante varias horas co corpo semisumerxido nas xélidas augas do regato e que foi sacado do coche por amigos e veciños da Lama que colaboraron na súa busca. Diante do seu delicado estado de saúde, coa evidencia de varias fracturas, e da imposibilidade de subilo sen axuda polo escarpado terreo tiveron que agardar á chegada do servizo de Bombeiros.
Segundo sostén o alcalde, na desesperación, e diante da tardanza na chegada do equipo, a familia realizou numerosas chamadas ao 061.
Andrés Díaz e o concelleiro de AVP Alfonso Gutiérrez, que visitaron ao ferido no hospital, recibiron as queixas da familia. Está moi afectada e indignada pola tardanza na chegada dos servizos de emerxencias.
CRÍTICAS Á "ZONA DE SOMBRA" NO MAPA DE EMERXENCIAS
O alcalde engade que o sucedido demostra que as queixas que se veñen proferindo dende Ponte Caldelas dende hai varios meses sobre os perigos potenciais da "zona de sombra" do mapa de emerxencias son unha auténtica "bomba de reloxería que non tardará moito en pasar factura en forma de vítimas mortais".
Andrés Díaz afirma que está "farto" deste asunto, pois xa se viviron circunstancias similares no incendio na nave de Tenorio (en Cerdedo-Cotobade) e en outros sucesos de Ponte Caldelas ou A Lama, pois teñen que acudir bombeiros do consorcio provincial de Ribadumia ou Bueu, a máis de 60 quilómetros, "cando temos un parque de bombeiros en Pontevedra aí ao lado".
Díaz considera "bochornoso" que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra se culpen mutuamente deste tema, cando "ambas administracións son socias copartícipes do Consorcio Provincial de Bombeiros". "Está a haber unha utilización política deste tema vergonzante e eu, antes que alcalde son cidadán, e por iso non podo comprender como a Xunta e a Deputación se dedican a lanzarse titulares un día si e outro tamén en lugar de sentarse a falar co Concello de Pontevedra e arranxar isto dunha vez por todas", lamentou.
Relacionadas:
-
José Manuel Martínez reincorpórase como concelleiro tras recuperarse do accidente de xaneiro
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas homenaxea os "rescatadores" do edil accidentado na Lama
Por Redacción |
-
O PP culpa a Abel Caballero do rexeitamento da Deputación á comarcalización dos bombeiros
Por Oskar Viéitez |
-
"Se hai unha desgracia e os bombeiros non chegan a tempo a única responsable vai ser a presidenta da Deputación"
Por Oskar Viéitez |
-
Cubela esixe á Deputación que cese o seu bloqueo á comarcalización dos bombeiros
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas insiste na comarcalización dos bombeiros municipais de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |