O PSdeG-PSOE, disposto a absterse no orzamento
Por Alejandro Espiño
O PSdeG-PSOE abre a porta a unha posible abstención no pleno para aprobar os orzamentos municipais de 2018. Farano, segundo Agustín Fernández, se o BNG acepta unha serie de propostas que os socialistas fixeron públicas este mércores.
Fernández sinalou que os socialistas parten dunha posición "non favorable" ao orzamento, un documento que ven "mellorable" e que non apoiarán tal e como está configurado. Pero con "espírito construtivo", o PSdeG-PSOE presentou varias medidas que "facilitarían" que optasen por absterse.
A diferenza do pasado ano, no que recoñece que presentaron un acordo "de máximos", o líder do PSOE en Pontevedra explicou que se trata de iniciativas máis concretas que, de existir vontade no grupo de goberno, poderían incluírse "sen problemas" no orzamento.
Así, os socialistas propoñen dúas medidas para o capítulo de ingresos. Por unha banda, propoñen bonificacións no IBI a vivendas que non teñan saneamento e a familias con dificultades económicas. O diñeiro que deixaría de ingresar o Concello, uns 200.000 euros, compensaríase cos 300.000 euros que chegarían cunha nova taxa ás empresas de telefonía móbil.
Ademais, piden que se contraten dúas novas traballadoras sociais, que se melloren as medidas de reactivación económica -con bonificacións aos empresarios por contratacións-, que se habilite un carril bici entre a Ponte dos Tirantes e a estación de tren ou que se "reequilibren territorialmente" os investimentos, apostando polos barrios periféricos.
Entre outras actuacións, propoñen que a reforma urbana chegue o próximo ano a Loureiro Crespo e O Castañal, O Burgo e a Santiña ou a zona de Mollabao.
Tamén manteñen a súa petición para que se cren vías sanitarias libre de lombos para que as ambulancias cheguen a Montecelo "sen saltos". Pero cun cambio. Os socialistas solicitan que se encargue un estudo "serio, rigoroso e independente" para ver "se é posible" aplicar nestas rúas outro tipo de reductores de velocidade.
A pesar de todo, Agustín Fernández recoñece ter "poucas esperanzas" de que o goberno municipal acepte estas propostas, ao existir un "entendemento bastante avanzado" entre BNG e Marea. Este feito deixaría aos socialistas, segundo o seu portavoz, nunha situación na que "dificilmente" poderían apoiar un orzamento "non que non participamos".