Lores desvela aos alumnos do Sánchez Cantón os seus plans para o río dos Gafos
Por Oskar Viéitez
Os alumnos da materia de Paisaxe e Sustentabilidade do instituto Sánchez Cantón organizaron este martes un debate ao redor das diversas propostas de mellora que expoñen para o tramo final do río dos Gafos. Como convidados acudiron o presidente da asociación ecoloxista, Vaipolorío, Gonzalo Sancho; o presidente da asociación de veciños de San Roque, Sabino Martínez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Ao longo do curso, da man do profesor Humberto Martínez, estes alumnos traballaron en distintas ideas para esta contorna que hoxe expuxeron Ariadna e Noelia, como son a rehabilitación do muíño de Soler, eliminar o estacionamento das marxes da desembocadura, embelecer con murais de temática mariñeira as medianeiras dos edificios, habilitar unha zona verde continua ao longo de canle ou destapar o río en Campolongo.
"Espero que o alcalde non sexa un deses políticos que só atenden os casos máis mediáticos", espetoulle Noelia ao rexedor. O envite fixo mella en Fernández Lores que algo doído destacou todo o traballo feito para recuperar o Gafos e o Lérez porque "meter tubos para sanear o río non é nada mediático, cando uns tubos entérranse a xente esquécese deles".
Lores lembrou aos rapaces que "hai 12 anos o Lérez era unha cloaca", e apelou á memoria do director do centro, Eladio Otero, para que lles corroborase que na súa etapa como piragüista "se caías ao río era a peste, morrías de noxo".
Ferido no seu orgullo ao ver en dúbida a súa valentía, o alcalde lanzouse. "É de coña que me digades que non quitamos coches de Pontevedra" e adiantou aos alumnos que, entre outras ideas, o goberno local traballa coa proposta de "reducir o tráfico na avenida de Raíña Vitoria", diante do seu instituto.
Respecto da iniciativa dos estudantes de destapar o Gafos ao seu paso por Campolongo "non é prioritario" dixo, xa que supón levantar todo o Parque da Constitución e "é moi custoso", ademais aquela foi unha "zona inundable" na que mesmo houbo unha illa, polo que tamén resulta necesario estudar en profundidade todas as consecuencias desta medida.
Igualmente Lores explicou que a idea de converter as medianeiras nun espazo para a arte "gústame" pero entraña dificultades na súa posta en práctica xa que hai que obter permisos dos propietarios dos edificios, de Patrimonio e poñer aos veciños de acordo, "é complexo".
En canto á recuperación do vello muíño de Soler, detrás do Sánchez Cantón, o alcalde dixo que "recollo o guante" pero apuntou que "o problema é logo o mantemento e que siga funcionando correctamente" e expuxo outro proxecto no que están a traballar, recuperar como merendeiro o muíño do Gorgullón.
Na zona do paseo do Gafos na avenida de Vigo "onde hai mais espazo" para habilitar mesas, o goberno local expón explotar en réxime de concesión o muíño que forma parte do patrimonio municipal. "Sería un quiosco onde se poida tomar un café, comer ou merendar. Que sexa en concesión, que fora unha panadería sería moito mellor, podería elaborar o pan coa fariña que alí se moese".
Finalmente o alcalde conveu que "é manifestamente mellorable todo o entroncamento do río Gafos coa ría" para o que fai falta deseñar un "proxecto integral" para o que agradeceu as propostas dos rapaces, porque "a cidade construímola entre todos".
Relacionadas:
-
Compromiso en firme do Concello de Pontevedra para empezar a destapar o Gafos durante este mandato
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Alumnos do instituto Sánchez Cantón obteñen o segundo premio na Galicia Maker Faire
Por Oskar Viéitez |
-
Vaipolorío limpa o patrimonio etnográfico do río Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Primeira xornada de limpeza e inventario de patrimonio etnográfico do tramo rural do Gafos
Por Redacción |
-
A rúa Otero Pedrayo, cortada durante tres semanas por obras
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación activa un proxecto para impulsar o turismo sustentable
Por Redacción |