París 'copia' o Metrominuto e tratará de adaptalo para fomentar a súa mobilidade peonil
Por Alejandro Espiño
O Metrominuto, o proxecto polo que Pontevedra recibiu o premio Intermodes o pasado mes de febreiro en Bruxelas, segue dando os seus froitos como expresión gráfica do modelo urbano de Pontevedra. Agora foi a cidade de París a que se fixou nel co obxectivo de adaptalo á súa realidade viaria. Así o desvelou este mércores o Concello de Pontevedra.
A Oficina de Planeamento Urbanístico de París (APUR) solicitou formalmente ao Concello de Pontevedra o seu permiso para utilizar o plano peonil. En principio, segundo explicou o concelleiro do BNG, Demetrio Gómez, o Metrominuto utilizarase "como un exemplo do que se pode facer para fomentar a mobilidade peonil tamén nunha gran cidade como París".
Esta oficina, que está ultimando un estudo para dar solucións ao movemento peonil na capital francesa, non descarta que Metrominuto sirva de guía para poñer en marcha unha iniciativa similar no entramado urbano da cidade. "Que unha cidade con tanta solvencia e capacidade técnica copie a unha cidade pequerrechiña como a nosa é un orgullo", indicou Demetrio Gómez.
O concelleiro nacionalista, que relacionou directamente este interese co premio Intermodes, deu conta tamén da recente visita á cidade austríaca de Graz, onde o Concello de Pontevedra explicou o seu modelo urbano. "Trasladamos a nosa visión e as solucións que aplicamos en Pontevedra e vimos que as cousas poden ter solución técnicas diferentes, foi unha visita moi interesante".
Tanto que tamén terá réditos para Pontevedra. "O modelo de Pontevedra gusta, parece interesante en Europa", explicou Demetrio Gómez. Por iso é polo que en próximas semanas, Graz devolverá a visita. Organizarase un encontro en Pontevedra cunha comitiva chegada desde a cidade austriaca para "expoñerlles o noso modelo sobre o terreo".
Relacionadas:
-
Ao Metrominuto nácelle un primo irmán, o MetroBici
Por Redacción |
-
A Coruña copia o Metrominuto de Pontevedra
Por Redacción |
-
O pasominuto e as 10.000 zancadas por Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Un metrominuto para ciclistas, nova aposta do Concello
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra contrastará o seu modelo peonil co de Munich, Goteborg e Sidney
Por Alejandro Espiño |
-
Fernández Lores premiado como un dos cinco mellores alcaldes de España
Por Oskar Viéitez |