Un sondeo analiza o tirón de catro posibles candidatos do PP ás municipais de 2019
Por Alejandro Espiño
Catro son os candidatos con maiores opcións de converterse, en maio de 2019, na aposta do Partido Popular para desbancar a Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde de Pontevedra. Así se desprende, polo menos, da sondaxe que autorizou o partido para coñecer o tirón electoral que terían cada un deles.
O estudo, que se está realizando por vía telefónica, pregunta aos enquisados polo actual portavoz municipal, Jacobo Moreira; pola presidenta do Pontevedra e deputada do PP no parlamento galego, Lupe Murillo; polo actual presidente do porto de Marín, José Benito Suárez Costa; e polo ex presidente de AJE Pontevedra, José Manuel Valenzuela.
Ademais, a sondaxe tamén pregunta, entre outras cuestións, pola visión que os pontevedreses teñen da súa cidade ou as carencias que atopan nela.
Esta mesma sondaxe, segundo confirman fontes próximas ao Partido Popular, está a realizarse noutras cidades galegas, como Vigo, onde tampouco hai aínda un candidato oficial confirmado para as próximas eleccións municipais.
Os resultados que arroxe este traballo axudarán aos responsables do PP de Pontevedra a tomar unha decisión con respecto ao seu candidato para os comicios de maio de 2019.
Salvo José Manuel Valenzuela, que ata agora estivo vinculado unicamente a ambientes empresariais, os outros tres nomes que se inclúen na enquisa teñen xa experiencia na corporación municipal de Pontevedra.
Jacobo Moreira, actual cara visible do PP local, é concelleiro desde o ano 2007 e desde 2012 é o portavoz municipal. Foi o candidato do PP nas eleccións de maio de 2015.
Lupe Murillo, pola súa banda, foi concelleira con Telmo Martín á fronte do PP entre os anos 2007 e 201. Actualmente compaxina as súas responsabilidades como xerente de Pescamar coa presidencia do Pontevedra CF e co seu escano no parlamento autonómico, que obtivo nas eleccións de 2016, ás que concorreu como número 5 da lista por Pontevedra.
O presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, foi tenente de alcalde entre 1995 e 1999 con Juan Luís Pedrosa e, tras ocupar o cargo de director xeral de Interior da Xunta entre 2000 e 2005, regresou á política municipal en 2007 como concelleiro con Telmo Martín. Dous anos despois deixouno para encargarse do porto.
Relacionadas:
-
Rafael Domínguez dá un paso adiante cara á Alcaldía de Pontevedra: "Mi intención a día de hoy es ser candidato"
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Moreira garante que o PP terá o "mejor candidato" en Pontevedra "aunque no sea yo"
Por Alejandro Espiño |
-
A maquinaria do PP, en marcha para as municipais
Por Redacción |
-
O PP prepara a convocatoria de congresos locais
Por Redacción |
-
Recuperar a Deputación, "obxectivo claro" do PP de Pontevedra para as municipais de 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda, en PontevedraViva Radio: "Presentaremos á mellor persoa para optar á alcaldía en 2019"
Por Alejandro Espiño |