A estrada de Perdecanai, en obras na primavera de 2018
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Barro asinaron este martes o convenio para a mellora da estrada provincial EP-0505, entre a N-550 e a igrexa de Perdecanai. Esta actuación suporá un investimento de 327.565 euros, a repartir entre o 70% aportado pola institución provincial e o 30% polo goberno municipal.
As obras permitirán renovar de xeito integral a capa de rodaxe neste treito de 1,2 quilómetros, crear un espazo de mobilidade segura para o tránsito peonil e ciclista, así como a instalación de novo saneamento e elementos de calmado de tráfico.
A contratación iniciarase de xeito inminente tan pronto como chegue a autorización de Patrimonio -pola proximidade da igrexa de Perdecanai-. Os traballos, que teñen un prazo de execución de seis meses, poderán iniciarse na primavera de 2018 e unha vez rematados a estrada será transferida ao concello de Barro.
O proxecto, segundo o deputado Uxío Benítez, permitirá unha actuación integral de urbanización e mellora de abastecemento, con catro pasos de peóns sobreelevados, nova sinalización horizontal e vertical e a creación dun espazo de tránsito peonil e de bicicletas.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, explicou que nesta estrada "transita moita xente andando e non tantos vehículos", polo que entende que era fundamental unha reserva de espazo para o tráfico peonil e de bicicletas. "Agradezo que se recollera a nosa proposta e que se dea rematado a actuación", dixo.
Así mesmo, Abraldes lembrou que hai máis de dez anos que a estrada está permanentemente en obras con pequenas actuacións, sobre todo en épocas preelectorais.
"Entendemos que unha obra dun quilómetro haina que facer cun proxecto e executala. Aos veciños resultábanlles moi estrañas tantas fases, polo que saber que no 2018 estará todo executado para nós é fundamental, sobre todo porque terá servizos dos que carece boa parte do noso concello", subliñou.
A presidenta Carmela Silva, pola súa banda, manifestou a súa satisfacción por ter chegado a un acordo co Concello de Barro e destacou que "as institucións estamos obrigadas a elaborar proxectos e levar a cabo actuacións e obras para que veciñas e veciños poidan dispor de todos os servizos aos que teñen dereito".
Relacionadas:
-
Cen mil euros do Plan Concellos para Barro
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto de mellora da estrada de acceso á igrexa de Perdecanai
Por Redacción |
-
O tramo entre a Igrexa de Perdecanai e a Nacional será acondicionado
Por Oskar Viéitez |
-
Barro vai investir 300.000 euros en mellorar os equipamentos e infraestruturas
Por Redacción |
-
Barro únese aos municipios con 'lombos' nas súas estradas
Por Redacción |