Aparece o cadáver dun can maltratado na praia de Aguete
Por Redacción
A asociación protectora de animais Os Palleiros publicou a través do seu facebook fotografías do cadáver dun can aparecido nas últimas horas na praia de Aguete, en Marín. O corpo móstrase con evidentes marcas de violencia tanto na cabeza coma no lombo do animal, polo que se entende que sufriu algún tipo de agresión antes de morrer. Segundo a protectora, o can debeu de ser tirado ao mar e mostraba o ventre algo inchado.
Dende a asociación sinalan que "é a primeira vez, e esperamos que a última, que difundimos unhas imaxes tan fortes e dolorosas para todos os amantes dos animais. Con isto queremos que se encontre o culpable ou culpable deste feito tan atroz". Sospeitan que o animal debeu ser tirado á ría na zona de Marín, Pontevedra ou Poio. E sinalan que se alguén coñece a quen puido causar esta agresión remita a información a ospalleiros@hotmail.com para presentar a correspondente denuncia.