A Lama recorda ao Conde Cabanelas no 150 aniversario do seu nacemento
Por Redacción
Unhas duascentas persoas, na súa maioría veciños de Covelo, celebraron unha comida popular nas proximidades da Praza do Pobo para homenaxear a Manuel Barreiro Cabanelas, o Conde Cabanelas, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento.
Os asistentes ao evento deron conta dun becerro preparado á brasa. Desde as seis da mañá empezaron a cociñar a lume lento un magnífico animal que foi servido posteriormente entre os comensais.
A xornada estivo amenizada pola charanga Os Encerellados que animaron coa súa música e bo humor aos presentes que aproveitaron para botar uns bailes e favorecer unha mellor dixestión das viandas degustadas durante a xornada.
O evento realizouse na Praza do Pobo deseñada urbanisticamente precisamente polo propio Manuel Barreiro Cabanelas e nel participou practicamente todo Covelo, incluídos tamén varios dos seus familiares que aínda residen na zona.
O alcalde, Jorge Canda, destacou o papel altruísta que xogou o Conde Cabanelas na historia recente da Lama e tamén da provincia debido a que o conde, desde a emigración a Brasil, foi un filántropo como impulsor, entre outras obras da construción dunha das ás do Hospital Provincial, lugar onde tamén se atopa situada unha estatua na súa memoria.
Canda tamén enxalzou a preocupación do conde pola formación académica e persoal dos seus veciños co impulso da creación das colonias, unha institución educativa que foi revolucionaria no seu momento e que permitiu que moitos nenos sen recursos de Pontevedra puidesen tamén gozar de vacacións na parroquia de Covelo.
O rexedor destacou finalmente o labor urbanístico de Manuel Barreiro como promotor e deseñador do desenvolvemento do núcleo urbano de Covelo con rúas trazadas e ordenadas para dotar dun adecuado plan a unha aldea que naqueles anos carecía de todo, chegando mesmo a doar casas e diñeiro a parellas para que se instalasen na zona.