A xestión da Cámara de Comercio, de novo no xulgado con Charo Lorenzo e Gómez Rivera no banco dos acusados
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A sala de vistas do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra acolleu este mércores as tres primeiras horas dun xuízo no que volveu a poñerse en cuestión a xestión da xa desaparecida Cámara de Comercio pontevedresa. Nesta ocasión, no banco dos acusados sentaron o ex presidente da entidade Antonio Gómez Rivera e a ex secretaria na súa mesma etapa, Charo Lorenzo Pontevedra, que se declararon inocentes dun delito contra a Administración de Xustiza en concurso con outro de prevaricación administrativa polo que se enfrontan a ano e medio de prisión.
Ambos chegaron ao banco polo seu papel no despedimento de tres traballadores que pouco antes denunciaran irregularidades no funcionamento da entidade e negaron todas as acusacións da Fiscalía, pero as súas declaracións foron rebatidas polos tres despedidos e un cuarto empregado que tamén denunciou os feitos, pero non foi despedido ao ser o delegado de persoal. Os tres compareceron como testemuñas e referendaron os argumentos incriminatorios.
O fiscal do caso, Juan Carlos Aladro, considera que no ano 2012 despediron a tres dos catro traballadores da Cámara que denunciaron ante a Fiscalía as prácticas presuntamente irregulares na oficina deste ente en Brasil polas que finalmente Lorenzo foi condenada coa súa conformidade polos presuntos delitos de negociacións prohibidas a funcionarios e suborno.
Aladro mantén que tras a denuncia dos traballadores, Lorenzo, na súa condición de xefa de persoal, e Gómez Rivera, como presidente en funcións, levaron a cabo unha serie de actuacións "movidos pola intención de causar un prexuízo a quen a presentaba", pero ambos aseguraron ante o xuíz que os despedimentos non foron decisión súa, senón que as decisións en materia de persoal debatíanse e adoptaban no seo do comité executivo e do Pleno da Cámara.
Charo Lorenzo aseguro que non exerceu "ningún tipo de presión" para despedir os tres traballadores e que os despedimentos os acordou o órgano de goberno da Cámara tras un informe realizado pola consultora Deloitte por encargo do Consello de Cámaras Galegas. Trátase de resolucións adoptadas en reunións do comité executivo nas que asegura que ela non estaba presente tras un incidente de marzo do ano 2012 no que un dos empregados logo despedido e ex vicesecretario xeral da entidade, Augusto Aláez, entrou no seu despacho acompañado polo delegado de persoal e botoulle en cara as irregularidades de Brasil polas que finalmente foi condenada á vez que lle recomendaba que dimitise.
"Cuando se trataban temas de personal, me pedían que me fuese", sostén Charo Lorenzo, xustificando que nas reunións do comité executivo e do pleno de decembro dese ano 2012 nas que se acordaron os despedimentos non estaba presente, de modo que non puido ter nada que ver cos cesos. Engade que se acordou tamén unha redución de salarios que tamén lle afecto a ela e "no soy tan generosa" como para tomar parte nesa decisión.
Ademais, insistiu en que o informe de Deloitte xa recomendaba estes despedimentos, aínda que o fiscal e as testemuñas que declararon máis tarde indicaron que o estudo da consultora non concretaba que postos de traballo debían eliminarse, senón que falaba de reestruturación e logo emitiuse unha addenda ao mesmo que propoñía unha externalización dos servizos de comunicación e asesoría xurídica e unha redución do persoal dedicado á actividade de administración. Finalmente, despediuse a un administrativo , o vicesecretario, a responsable de creación de empresas e o responsable de comunicación, aínda que este último foi o único que non denunciou.
Gómez Rivera tamén botou balóns fose e negou mesmo que se reunise cos traballadores afectados ou que tivese contancia das denuncias por irregularidades na Cámara que Aláez levaba denunciando desde 2007, con outros presidentes á fronte da entidade. Segundo asegura,"era el pleno el que tenía que tomar la decisión" e "el presidente no tenía atribuciones ejecutivas de ningún tipo, todo correspondía al pleno y/o al comité ejecutivo".
O ex presidente insistiu en que toda a documentación que chegou á súa man plasmouse na orde do día de plenos e reunións do comité, onde os membros "ni eran marionetas ni era monigotes", senón que "el debate era profundo y además intenso", a pesar de que o fiscal mantén que o resto dos responsables da Cámara non recibían información real de todo o que ocorría.
Augusto Aláez declarou como testemuña e contradixo as afirmacións dos dous acusados, asegurando que tras aquel incidente con Charo Lorenzo o ex presidente citoulle a unha entrevista na que lle ameazou e advertiu que "si seguía así, podía perder el puesto de trabajo". Segundo mantiveron tanto el como outros traballadores que compartecieron na sala, a todos eles instóuselles nunha reunión para "hacer borrón y cuenta nueva" e Gómez Rivera pechou filas ao redor da ex secretaria xeral defendendo "que era amiga suya y confiaba en ella".
Tamén desmentiu a afirmación de Gómez Rivera de que el non tiña atribucións executivas, pois "el presidente era el que tenía la voz cantante" e outros traballadores, como o que delegado de persoal, e ex empregados despedidos confirmaron que, tras aquela reunión de Aláez con Lorenzo empezaron as represalias e o ex presidente chegou a dicirlles "que él había tenido 3.000 personas a su cargo, y no le iba a temblar la mano por diez" empregados que había na Cámara.
Ademais do ano e medio de prisión, o fiscal pide que sexan condenados ao pago dunha multa de 10 meses a 10 euros diarios e oito anos de inhabilitación especial para os cargos que ambos exercían, e dos que agora xa están apartados. Como indemnización e en concepto de dano moral, pide que os dous, de forma conxunta e solidaria, deberán abonar 3.000 euros a cada un dos empregados despedidos.
Relacionadas:
-
Condenan a prisión a Charo Lorenzo e ao empresario Manuel Cabada
Por Redacción |
-
Absolven a Charo Lorenzo e Gómez Rivera na causa por despedir tres traballadores da Cámara por represalias
Por Natalia Puga |
-
O fiscal mantén que os ex presidente e secretaria da Cámara despediron tres empregados por represalias
Por Natalia Puga |
-
Expurgo de documentos na sede da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Charo Lorenzo e Gómez Rivera sentarán no banco en xuño polos despedimentos da Cámara
Por Natalia Puga |
-
Charo Lorenzo e Gómez Rivera, a xuízo por despedir a tres traballadores da Cámara por represalias
Por Natalia Puga |
-
O Comité Executivo da Cámara de Comercio declara no xulgado por un delito contra a Administración de Xustiza
Por Redacción |
-
Fiscalía chama a declarar aos cinco traballadores que denunciaron á Cámara de Comercio
Por Redacción |