As "expectativas e realidades" da adopción, a debate no Pazo da Cultura
Por Diego Espiño
Manaia, asociación galega de axuda á adopción, organiza por segunda vez na cidade o Congreso Galego de Adopción, que se celebrará desde o venres 15 de setembro no Pazo da Cultura.
Baixo o título 'De expectativas a realidades' as diferentes charlas e actividades buscarán reflectir a realidade da adopción en Galicia e axudar ás familias interesadas en adoptar a un menor.
"As expectativas das familias e profesionais son unhas cando se comeza o proceso e as realidades son outras. Temos que tentar que ambas estean o máis cerca posible", recoñeceu na presentación do congreso o coordinador de Manaia, Antón Mouriz.
Antón Mouriz: "Non existe un dereito a adoptar. O dereito é dos nenos a vivir en familia"
A través do testemuño de diferentes profesionais desmontaranse falsas crenzas como que existe un alto número de nenos 'adoptables', xa que "por cada neno san menor de tres anos hai tres familias dispostas a adoptar", explica Mouriz, o que "fai que os tempo de espera sexan elevados".
A pregunta que todos se fan é saber canto se debe esperar por un proceso de adopción, xa sexa nacional ou internacional, pero "non se sabe, non hai resposta". Por exemplo, en Galicia a espera mínima para adoptar un bebé é "de sete anos mínimo", e para acceder a ela os pais de acollida deben ser menores de 40 anos. A nivel internacional, a tramitación para acoller un bebé chinés pode ascender ata os 10 anos.
En todo caso o que o congreso tamén quere evidenciar que "non existe un dereito a adoptar. O dereito é dos nenos a vivir en familia", recalcou o responsable de Manaia tentando poñer o foco no menor e poder así comprender mellor a súa situación.
Estas e outras cuestións debateranse no Pazo da Cultura en dúas xornadas, durante a mañá do venres e o sábado en dobre sesión de mañá e tarde. Ademais o domingo 17 realizarase unha xornada de convivencia de familias adoptivas, de 11:00 a 20:00 horas no CEIP Manuel Vidal Portela.
Consulta aquí a programación completa do 2º Congreso Galego de Adopción.